O goberno de Vigo adxudica provisionalmente humanizacións en José Frau e Avenida Atlántida

Abel Caballero informou este xoves da clasificación de ofertas (antiga adxudicación provisional) para ambas reformas, que presentan un orzamento municipal superior ao millón de euros. Ademais, o Concello aprobou unha achega de 7.000 euros en favor da Asociación Española contra o Cancro.
Publicado por o día 24/05/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno de Vigo adxudica provisionalmente humanizacións en José Frau e Avenida Atlántida

O goberno de Vigo deu luz verde á clasificación das ofertas presentadas para acometer as humanizacións da rúa José Frau Ruiz e da Avenida Atlántida, para as que o Concello de Vigo reserva máis dun millón de euros.

Segundo explicou Caballero en rolda de prensa, a remodelación de José Frau -entre as rúas López Mora e Álvaro Cunqueiro- presenta un orzamento de case 600.000 euros e significará a renovación da rede de saneamento, un novo pavimento con granito nas beirarrúas, novo alumeado e mobiliario urbano.

Como actuación singular, o Concello porá en valor a obra do pintor José Frau, con impresións en vinilo sobre vidro da súa obra ao longo da rúa humanizada, e cunha escultura tipo busto do autor. O primeiro edil afirmou que o obxectivo municipal pasa por “recuperar a memoria dos artistas” e recordou a acción similar levada adiante na rúa Pintor Colmeiro.

En segundo lugar, o goberno vigués validou a clasificación de ofertas para a humanización da Avenida Atlántida, cun orzamento de 470.000 euros para remodelar o tramo comprendido entre Casiano Martínez e o número 100 do nomeado vial.

AECC

Abel Caballero informou asemade da aprobación do proxecto de convenio en favor da xunta local viguesa da Asociación Española contra o Cancro (AECC). Cun apoio de 7.000 euros, o Concello colabora así coa execución dun programa de atención psicolóxica e social de 25 doentes e 25 familiares. O alcalde, quen recordou que antes da súa chegada á Alcaldía non existía esta colaboración municipal coa AECC, eloxiou o “traballo excepcional” que realiza esta asociación.