O goberno de Vigo aproba convenios de apoio a entidades por 73.000 euros

Abel Caballero informou que a Xunta de Goberno Local do xoves validará un apoio de 20.000 euros á Fundación Amigos dos Maiores, outro de 16.000 euros en favor da Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos de Bouzas e un terceiro de 37.000 euros para o Instituto de Estudos Vigueses.
Publicado por o día 20/06/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno de Vigo aproba convenios de apoio a entidades por 73.000 euros

O Concello adica 20.000 euros á Fundación Amigos dos Maiores para levar adiante conxuntamente un programa de acompañamento afectivo das persoas de máis idade, que inclúe o acompañamento en domicilio e residencias e actividades de ocio inclusivo como saídas, encontros, excursións adaptadas ou participación en festas tradicionais.

Con este convenio procúrase ofrecer apoio afectivo aos maiores que sofren de soidade co acompañamento no propio domicilio ou en residencias, ademais de favorecer a integración do colectivo en actividades de grupo adaptadas ás súas necesidades.

O Concello de Vigo, recordou Caballero, leva adiante outras accións dirixidas ao apoio e mellora da calidade de vida dos maiores, como o Servizo da Axuda no Fogar, o Xantar na Casa, o Avellentamento Activo, a Teleasistencia Domiciliaria ou os Coidadores de Barrio, entre outros.

“Intentamos que o noso papel de acompañamento a tantas persoas maiores que viven en soidade en Vigo sexa cada vez máis importante e máis activo”, concluíu o alcalde vigués.

Outros convenios
Tamén mañá xoves o goberno vigués dará luz verde ao acordo coa Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos de Bouzas para a difusión da cultura mariñeira e das embarcacións tradicionais. Ao efecto, o Concello achega á entidade 16.000 euros e pon a disposición da organización as cinco embarcacións tradicionais das que dispón: unha traíña, un galeón, un bote polbeiro, unha gamela coruxeira e unha dorna de tope.

En terceiro lugar, o goberno de Vigo acordará mañá conceder unha subvención de 37.000 euros ao Instituto de Estudos Vigueses (IEV) -ademais das instalacións nas que operan- para levar adiante o seu programa de actividades deste ano. O IEV, cun “magnífico traballo” sostido integramente con fondos municipais, prevé para este 2018 a publicación de cinco libros “para recuperar parte da memoria de Vigo e deixala impresa” -de temática diversa, como o Vigo fortificado ou o papel da cidade nos anos 20 ou na Primeira Guerra Mundial, entre outros-, a reedición de obras e a celebración dun ciclo de conferencias.