O goberno de Vigo aproba cubrir outros dous patios de colexios e reclama á Xunta que invista o mesmo que o Concello

Co superávit do ano pasado, o Concello adicará 552.000 euros a cubrir os patios dos CEIP García Barbón e Canicouva, explicou Carlos Font, e este verán se farán as coberturas no Carballal e no Rocío. Ao ser competencia autonómica, o concelleiro esixiu á Xunta que cubra polo menos os mesmos patios que o Concello.
Publicado por o día 19/06/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno de Vigo aproba cubrir outros dous patios de colexios e reclama á Xunta que invista o mesmo que o Concello

Carlos Font recordou que o goberno de Vigo inviste 552.000 euros dos 15 millóns do superávit municipal de 2017 a acometer a cobertura dos patios dos colexios García Barbón e Canicouva, dous centros educativos máis que se suman aos que o Concello vai cubrir este mesmo verán, o Carballal e o Virxe do Rocío, cun investimento de 335.000 euros.

O edil vigués engadiu que o Concello ten en proxecto as cubertas dos patios do Pintor Laxeiro e Balaídos e indicou que o orzamento municipal de 2018 inclúe unha partida de 450.000 euros ao efecto. “Estas cantidades, superiores ao millón de euros, dan proba do esforzo de atención do Concello nun tema tan sensible”, valorou o concelleiro vigués.

“Os centros de educación desta cidade reiteradamente se veñen queixando da desatención da Xunta de Galicia, dado que é competencia exclusiva autonómica”, anotou Font, “sobre a necesidade de cubrir os patios dos colexios, cuestión que non se está a atender”. O edil recordou que oito colexios da cidade están a demandar tamén a cobertura dos seus patios, a saber, o Carlos Casares, o Javier Sensat, o CEIP Doblada, o Fontescura, o Valle Inclán, o Josefa Alonso, o Otero Pedraio e o Frián-Teis.

Polo tanto, Carlos Font instou á Xunta de Galicia a que “como mínimo” acometa a cubrición dos mesmos patios de colexio que fai o Concello de Vigo, pois a administración que preside Núñez Feijóo está “totalmente desaparecida” e “non atende ás demandas dos propios centros” educativos da cidade.

Capitalidade

En segundo lugar, Font reclamou para a cidade “o mesmo tratamento” que a Xunta de Galicia dá a Santiago de Compostela, pois vén de aprobar unha achega de 2,32 millóns de euros en concepto de capitalidade. O concelleiro reivindica unha “cantidade similar” para Vigo como “a cidade máis importante de Galicia” que lidera unha área metropolitana de medio millón de habitantes.