O goberno de Vigo aproba o xoves a ordenanza que permitirá declarar praias libres de fume

Abel Caballero explicou este martes que, unha vez ratificada no Pleno, a normativa facultará ao goberno vigués a determinar que areais serán espazos libres de fume. O alcalde engadiu que proporá ao Goberno de España a elaboración dunha lei que permita sancionar aos infractores.
Publicado por o día 28/07/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno de Vigo aproba o xoves a ordenanza que permitirá declarar praias libres de fume

A Xunta de Goberno Local prevé aprobar este xoves o proxecto de Ordenanza reguladora de uso e desfrute dos areais, que inclúe no seu artigo catorce o texto que habilita a determinalos como espazos libres de fume.

Abel Caballero deu lectura ao artigo, que indica que “co obxectivo de incentivar hábitos e contornas saudables, así como sensibilizar á poboación sobre a importancia de non deixar residuos nos espazos naturais, o órgano competente do Concello de Vigo poderá declarar determinados areais do municipio como espazos libres de fume”. Nun segundo punto engade que, “nos mencionados espazos, o Concello poderá implementar as políticas que considere oportunas co obxecto de manter ditos areais libres do fume do tabaco e de fomentar a realización de campañas de educación e sensibilización ambiental, a prevención do tabaquismo e a protección do medio ambiente”.

Tras a súa validación pola Xunta de Goberno Local, a normativa deberá pasar polo Pleno para a súa aprobación inicial e, logo da exposición pública, definitiva. Unha vez en vigor, o goberno de Vigo poderá determinar os areais que declara libres de fume. Avanzou Caballero que o primeiro podería ser o de Samil.

O alcalde explicou que se habilitarán nos paseos espazos aptos para fumadores, fóra dos areais propiamente ditos. Amais, Abel Caballero ve conveniente a redacción e aprobación dunha lei estatal que avale a imposición de sancións aos infractores -algo inexistente neste momento- e avanzou que trasladará a súa proposta ao Goberno de España, en particular á vicepresidenta cuarta, Teresa Ribera.

Plan parcial de Navia

En rolda de prensa, o rexedor vigués avanzou que o Pleno da Corporación votará este mércores a aprobación definitiva do plan parcial de Navia, que contempla a edificación de 1.600 novas vivendas protexidas. Abel Caballero volveu demandar á Xunta de Galicia que comprometa a construción dun instituto “na zona de Galicia con máis poboación nova”, obrigando aos estudantes a desprazarse “oito ou dez quilómetros”, o que considerou “intolerable”. O Concello cedería de balde a parcela para o edificio.

Comentar noticia

Your email address will not be published.