O goberno de Vigo contrata a asistencia técnica da obra dos accesos á estación de Urzáiz

O obxectivo é apoiar tecnicamente á dirección dunha obra que presenta un orzamento de 11,8 millóns, segundo recordou Abel Caballero este xoves. Ademais, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao proxecto de humanización dunha nova fase de Serafín Avendaño e á contratación do servizo de atención domiciliaria á infancia – SADI Canguros
Publicado por o día 14/05/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno de Vigo contrata a asistencia técnica da obra dos accesos á estación de Urzáiz

Logo da sesión da Xunta de Goberno Local, o alcalde deu conta este xoves dos principais asuntos aprobados, entre os que citou a contratación por 379.000 euros dunha asistencia técnica á dirección das obras dos accesos á gran estación de Urzáiz, en particular nos tramos da conexión da terminal de autobuses e do túnel desde a rúa Lepanto coa autoestrada, ademais das instalacións e balizamentos.

Estas obras son custeadas principalmente por ADIF e Abel Caballero quixo agradecerllo ao Goberno de España presidido por Pedro Sánchez. Destes 11,8 millóns de euros, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias achega case que o 75%.

Serafín Avendaño
En declaracións aos medios por videoconferencia, Caballero informou da aprobación do proxecto de humanización dun novo tramo de Serafín Avendaño, o comprendido entre as rúas Rosalía de Castro e Areal.

A remodelación presenta un orzamento de 286.000 euros e contempla a renovación das redes de saneamento e abastecemento de auga, beirarrúas de granito, nova iluminación, xardineiras, mobiliario urbano, sinalización e semaforización.

Abel Caballero censurou a demora de Patrimonio da Xunta de Galicia na concesión de autorización para a reforma da rúa, permiso que se dilatou dous anos, afirmou, e que chegou ao Concello o 17 de febreiro do presente ano.

SADI Canguros
Por último, o Concello validou a contratación da xestión do Servizo de Atención Domiciliaria á Infancia, SADI Canguros, cun orzamento de 360.000 euros para dous anos. A través deste programa, o Concello de Vigo presta coidado aos nenos que queden sós temporalmente, un servizo de canguros que busca favorecer e potenciar a formación e acceso ao emprego e independencia económica das mulleres, en particular das máis vulnerables.

Os datos ofrecidos este xoves por Abel Caballero revelan que, durante o pasado ano 2019, 170 persoas resultaron beneficiarias desta iniciativa, cun total de case 10.000 horas de atención e a contratación de 25 profesionais ao efecto.

Comentar noticia

Your email address will not be published.