O goberno de Vigo encarga o proxecto para converter en biblioteca o antigo ambulatorio de Teis

Abel Caballero anunciou este martes que o Goberno de España cede o inmoble de forma gratuíta -logo da negativa a facelo do anterior executivo dirixido por Rajoy- e o proxecto para converter o espazo de 1.100 metros cadrados en biblioteca foi encargado “hoxe mesmo”. “Será unha das grandes bibliotecas de Vigo”, saudou o alcalde.
Publicado por o día 11/09/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno de Vigo encarga o proxecto para converter en biblioteca o antigo ambulatorio de Teis

Abel Caballero recibiu onte luns a chamada do director xeral da Tesourería da Seguridade Social, Francisco Javier Aibar, quen lle comunicou que xa asinara a cesión de balde ao Concello do antigo ambulatorio de Teis, en Enrique Lorenzo.

O alcalde, quen valorou esta “gran nova” para Teis e para a cidade”, avanzou que a cesión debe ser rubricada pola ministra para logo volver á Dirección Xeral e pasar a ser titularidade municipal, “dentro duns días”. Abel Caballero xa deu instrucións ao concelleiro de Patrimonio e Fomento, Javier Pardo, para preparar a recepción da propiedade e encargar “hoxe mesmo” a elaboración dun proxecto que converta o recinto en biblioteca.

Caballero recordou que o Concello viña reclamando desde hai tempo a cesión gratuíta deste antigo centro de saúde, sen uso desde hai máis dunha década. O goberno de Vigo solicitárao ao anterior goberno de Rajoy en novembro de 2017, quen o rexeitou e propuxo unha compra. O alcalde definiu esta resposta como un “disparate” e un “tratamento asimétrico” pois a Seguridade Social viña de ceder o antigo hospital Xeral á Xunta de Galicia de balde.

En xaneiro deste ano, engadiu o rexedor, volveu tramitar a petición ante o anterior Goberno de España, novamente rexeitada. Posteriormente, a entón ministra, Fátima Báñez, aseguroulle ao alcalde que faría o posible para a cesión, pero “nin sequera moveron un papel”, afirmou Caballero, quen denunciou “presións continuas” de Feijóo en contra da pretensión viguesa.

Xa co novo executivo, o 21 de agosto Abel Caballero reiterou a petición municipal, que onte foi contestada afirmativamente. “Xa temos o visto bo”, expuxo o alcalde con satisfacción e está “en marcha” o proxecto para facer en Teis “unha das grandes bibliotecas de Vigo”.

A de Teis sumarase á biblioteca Neira Vilas, aberta en 2011 polo goberno dirixido por Abel Caballero, e á sala do Auditorio Mar de Vigo, en funcionamento desde maio do pasado ano cuns 400 postos. O Concello prevé ademais abrir na próxima primavera unha nova sala de lectura-biblioteca en Navia, segundo avanzou o alcalde.