O goberno de Vigo inicia a transformación da Praza da Estación, que recuperará a fachada da terminal de 1881

Con 1,9 millóns de investimento, o Concello comezou este martes os traballos de remodelación da praza e da Baixada á Estación, que se prolongarán durante seis meses. A actuación inclúe a reconstrución do frontal de pedra da antiga terminal ferroviaria, inaugurada a finais do século XIX.

O Concello sigue dando pasos para a transformación integral do entorno da estación de Urzáiz. Xunto ás obras de Vialia e dos seus accesos, este martes o goberno local encabezado polo alcalde puxo a simbólica primeira pedra de inicio dos traballos de remodelación da Baixada á Estación e da propia Praza da Estación, cun orzamento de 1,9 millóns de euros e un prazo estimado de seis meses. Xunto ao rexedor, participaron no acto a tenente de alcalde e presidenta da Deputación, Carmela Silva, e os tenentes de alcalde Javier Pardo, Elena Espinosa e María José Caride.

Trátase “dunha das grandes obras que estamos a facer”, asegurou Abel Caballero en rolda de prensa, un deseño que reordena os espazos para dar acceso peonil e rodado á futura terminal de autobuses, ao centro comercial Vialia e tamén á estación do AVE, e adecúa a glorieta de unión con Alfonso XIII (xa sen o paso elevado) e con Lepanto (onde partirá o túnel de acceso á autoestrada).

Na rúa Baixada á Estación, a obra renova as canalizacións, inclúe xardinería, mobiliario urbano e iluminación, amplía as beirarrúas e substitúe os escalóns por unha rampla que dará paso á praza. Na propia Praza da Estación, luminarias, bancos, xardineiras, rede de rego, unha pérgola metálica con teito de cristal na parada de taxis e un espazo axardinado próximo ao muro de contención de Baixada á Estación. O alcalde destacou que a obra recuperará a fachada de pedra da antiga estación ferroviaria, inaugurada en 1881 e que será reconstruída contra o muro que dá a Urzáiz: “Unha parte da nosa acción é recuperar a historia da cidade”, manifestou. A praza tamén acollerá un elevador ata Urzáiz con Vía Norte, no lugar que ata o de agora ocupaban as escaleiras, ao que o Concello adicará máis de 400.000 euros.

Abel Caballero referiuse tamén á balaustrada de ferro que separaba Lepanto de Alfonso XIII, “non catalogada” e que nunha parte estaba “bastante deteriorada”. Unha vez retirada deste emprazamento, o alcalde explicou que está almacenada e “imos refacela, buscarlle un uso decorativo e aparecerá nalgún lugar da cidade, seguramente antes do que moitos se imaxinan”. Coa obra dos accesos en marcha, ese espazo en Lepanto pasará a ser “a zona de confluencia entre a entrada do túnel (á AP9) e a rúa Alfonso XIII”, un muro que será acristalado para ofrecer unha “visión branda” desde este vial, segundo trasladou Caballero.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM