O goberno de Vigo multiplica “por cinco ou seis” as axudas de emerxencia durante o coronavirus

Asegurou o alcalde que os apoios concedidos nas últimas xornadas polo Concello ás persoas vulnerables rondan de media os 9.500 euros diarios, unha cantidade cinco ou seis veces superior á rexistrada antes da pandemia. O dato sinala “a intensidade” da actuación municipal nesta crise.
Publicado por o día 15/05/2020 na sección de Concello de Vigo,Coronavirus,Galicia,Vigo

O goberno de Vigo multiplica “por cinco ou seis” as axudas de emerxencia durante o coronavirus

Abel Caballero informou de que este xoves foron outorgadas outras 27 axudas de emerxencia por importe total de 9.000 euros, cando o día anterior a cantidade superou os 10.000 euros. As cifras das últimas datas reflicten unha media diaria duns 9.500 euros, o que multiplica “por cinco ou seis” a cantidade media aprobada diariamente antes do Covid-19.

O alcalde afirmou que os números evidencian a “intensidade” da actuación do Concello de Vigo no ámbito social desta crise, “cubrindo todas as demandas de emerxencia” que se presentan.

Continuando no eido do benestar, Caballero trasladou que a administración que preside reparte este venres 601 menús aos domicilios de persoas que o precisan e deu acollida esta pasada noite a 126 persoas sen teito en hostais, hoteis, no pavillón do Berbés e nos albergues.

Policía Local

Segundo deu conta Abel Caballero, este xoves os axentes sancionaron a dúas persoas por incumprimento do Real Decreto de estado de alarma; unha destas denuncias, a un establecemento que non respectaba a normativa sobre o aforo nas terrazas, pese a que fora advertido pola propia Policía Local en días previos.

Entre as intervencións relacionadas co coronavirus que destacou o rexedor na súa comparecencia por videoconferencia deste venres, cinco mozos que non mantiñan a distancia social e outro grupo que estaba utilizando as pistas de skate.

Comentar noticia

Your email address will not be published.