O goberno de Vigo promove plans de tráfico nos colexios no inicio do curso

A circulación rexistrou unha “absoluta normalidade” no primeiro día lectivo, no que o Concello enviou axentes da Policía Local a vinte centros educativos. O goberno de Vigo apoiará aos colexios delimitando os espazos para os recreos e cedendo instalacións municipais para a súa actividade. Abel Caballero ofreceu colaboración á comunidade educativa: “Estamos á súa disposición”.
Publicado por o día 10/09/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno de Vigo promove plans de tráfico nos colexios no inicio do curso

En rolda de prensa, o alcalde afirmou que o goberno que preside contactou con todos os colexios públicos e concertados para trasladarlles a colaboración municipal en distintos aspectos, como mellorar o plan de tráfico, marcar espazos nos recreos e nas entradas ou ceder solo público para a súa actividade.

“Para nós, o funcionamento dos colexios en Vigo é unha cuestión de primeira magnitude”, explicou Caballero, quen ofertou á comunidade educativa “todo o apoio que o Concello poida poñer a disposición dos centros educativos”. “Que nos contacten, que estamos á súa disposición”, reiterou.

Uns 23.000 escolares de Infantil e Primaria comezan en Vigo o novo curso entre este xoves e mañá venres. No relativo ao tráfico, a circulación funcionou con “absoluta normalidade”, indicou Caballero, sen detectarse atascos ou retencións de consideración no primeiro día. O Concello destinou axentes da Policía Local a vinte centros educativos, atención que continuará en próximas xornadas, e o alcalde ofreceuse a estudar cos colexios a mellora dos plans de tráfico na entrada e saída do alumnado.

Ademais, un total de 21 colexios -dez públicos e once concertados- solicitaron axuda municipal para a división de espazos, que inicialmente farase con cinta sen desbotar outras fórmulas como poden ser as vallas de plástico para quen o precise. Ademais, oito colexios empregarán instalacións municipais para os seus recreos e actividades escolares: o CPR Don Bosco, o San Xosé da Guía, o colexio Fleming, o Santa Irene, o Santo Tomé, o Altamar, o IES de Teis e o IES de A Guía. O alcalde animou a facer propostas ao goberno vigués a “aqueles colexios que precisen do Concello para a súa programación Covid”.

Gran Vía

O alcalde valorou ademais a modificación no tráfico na Gran Vía aplicada desde onte mércores, no tramo desde Urzáiz ata Venezuela, onde o Concello ultima a remodelación e instalación de ramplas mecánicas de subida. Alí, o carril ascendente pasa agora a estar á dereita do bulevar en dirección a Praza de España, mantendo o carril descendente na marxe esquerda. Á hora de facer os xiros, “esta pequena variación significou unha mellora da circulación na Gran Vía”, afirmou Caballero.

Comentar noticia

Your email address will not be published.