O goberno de Vigo reparte entre a cidadanía outras 45.000 máscaras faciais

Cedidas polo Goberno de España, o Concello entrégaas principalmente entre colectivos vulnerables e/ou en risco de exclusión, que reciben 30.000. Outras 10.000 se distribuirán nos mercados municipais e as 5.000 restantes, a asociacións de maiores. Desde primavera, Vigo facilitou en total case que 300.000 máscaras, segundo subliñou este xoves o alcalde.
Publicado por o día 17/12/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno de Vigo reparte entre a cidadanía outras 45.000 máscaras faciais

Abel Caballero informou este xoves do reparto doutras 45.000 máscaras faciais que remite o Goberno de España. Na distribución, o Concello decidiu primar aos colectivos vulnerables e/ou en risco de exclusión, que recibirán dous terzos do total. As 30.000 unidades chegarán a eles a través de máis de corenta entidades sociais, asociacións, ONG, comedores sociais, CEDRO e do albergue municipal de Marqués de Valterra, ademais de directamente aos usuarios dos servizos sociais do Concello que acudan ás Unidades de Traballo Social.

O terzo restante chegará ás mans dos vigueses e viguesas nos mercados municipais e nas asociacións de maiores, que recibirán 5.000. Explicou Caballero que voluntarios do Concello distribuirán 10.000 unidades nas contornas dos mercados municipais, este sábado desde as 9 horas nos do Calvario, Teis, Bouzas e Cabral, e o próximo mércores, desde a mesma hora, de novo no Calvario, Travesas, Progreso e o Berbés. Cada sobre contén cinco máscaras faciais.

O alcalde indicou que, con esta nova remesa de 45.000 protectores, o Concello de Vigo xa fixo entrega desde primavera de preto de 300.000 máscaras entre os vigueses e viguesas, das que 100.000 foron adquiridas directamente pola administración que preside Caballero e as outras 200.000, procedentes do Goberno de España.

Comentar noticia

Your email address will not be published.