O goberno municipal de Vigo vota en contra de liberar a AP-9

O Bloque Nacionalista Galego presentou hoxe no Pleno do Concello de Vigo a problemática arredor das peaxes da AP9 e tamén a necesidade dalgunhas actuacións para corrixir o impacto do paso da autoestrada no ámbito urbano.

Igrexas lembrou que no acordo de investidura subscrito en xaneiro do pasado ano 2020 polo BNG co PSOE recollíase expresamente que se aplicarían bonificacións do cento por cento para as usuarias recorrentes que realizasen dous ou máis viaxes na AP9 no mesmo día, calquera día da semana, fosen profesionais ou particulares. Aliás, o acordo recollía a inmediata supresión da peaxe entre Vigo e Redondela e a non repercusión dos incrementos anuais derivados das addendas asinadas por causa da ampliación da Ponte de Rande. Para esta finalidade existen nos orzamentos xerais do Estado en vigor para este 2021 partidas por importe de 55 millóns de euros.

“En lugar de aplicar as bonificacións prometidas e de suprimir a peaxe de Redondela o que sucedeu é que un ano máis a AP9 é a autoestrada que máis incrementou as súas peaxes”, reprochou Igrexas. O portavoz municipal nacionalista urxiu a “cumprir coa palabra dada a Galiza a través dos acordos que logrou o BNG” aplicando eses descontos que suporán un importante alivio no camiño de superar a “estafa diaria” que padecen as usuarias da AP9.

“Falamos dun compromiso de xaneiro de 2020 e agora botan balóns fóra con escusas burocráticas. Que estivo facendo o Goberno español durante estes doce meses? Porque non preparou as medidas normativas que fosen necesarias para que desde o 1 de xaneiro as galegas e os galegos deixásemos de pagar peaxes abusivas?”, inquiriu afeando o desleixo do executivo de coligazón entre PSOE e Unidas Podemos.

Por outra parte, a moción pide dar pasos para avanzar de verdade na transferencia da competencia e xestión da AP9 á Xunta de Galiza, tal e como demandou de maneira unánime o Parlamento galego. Neste sentido, o Bloque insiste en que esa transferencia debe ir acompañada da completa liberación de peaxes.

Apoio de PP e Marea de Vigo

A moción do Bloque contou co apoio de Marea de Vigo e do PP, cuxa concelleira Teresa Egerique acusou ao ministro de Transportes, José Luis Ábalos, de discriminar a Galicia e cualificou de «papel mollado» o pacto do Bloque co PSOE. Ademais, lembrou que o PPdeG pediu oficialmente no Parlamento galego que non se subisen as peaxes este ano.

O portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, aludiu á nacionalización da autoestrada, algo que considera necesario para deixar de «soster cun sistema de peaxes inxustificable».

Pola súa banda, a socialista María José Caride xustificouse aludindo á prórroga da concesión. «Quen lle regalou 25 anos de concesión a Audasa?», cuestionouse, culpando ao o PP de aprobar un decreto cando gobernaba que, afirma, impide agora facer efectiva a baixada das peaxes.

Na votación o partido socialista de Vigo votou en contra cuns 19 votos.

Barreiras acústicas e pasos elevados

A fronte nacionalista urxe tamén a resolver o impacto que o trazado da AP9 ten na cidade e singularmente no barrio de Teis. Neste sentido, volven demandar a conversión en vía urbana do tramo desde as Torres de Padín, tal e como reclama a veciñanza de Teis, e non desde Bos Aires como defende o alcalde de Vigo. Entrementres non se efectiviza esta cuestión, demandan a instalación de pantallas acústicas advertindo de que ese treito é o máis ruidoso de toda a autoestrada, como recoñece a propia Audasa nun informe de 2012.

Aliás, o Bloque recolle a demanda da veciñanza de Teis para a reforma dos pasos elevados nos camiños da Trapa e da Xorxa, para permitir que poidan seguir a ser transitados de maneira segura tanto por peóns como por vehículos. A este respeito, Igrexas rexeitou de plano as obxeccións do Ministerio de Transportes que se refire a estes pasos como “pasarelas peonís”. “Levan desde 1979 sendo utilizadas por coches e non facelo sería deixar incomunicados ámbitos importantes do barrio de Teis mesmo para o acceso de vehículos de emerxencias. Só desde un despacho de Madrid, sen coñecer nada a xeografía da cidade se pode dicir que a alternativa a eses pasos é o enlace de Bos Aires”, aseverou.

Ambas as dúas cuestións motivaron varias iniciativas do BNG no Congreso a través do deputado, Néstor Rego. Por iso, o edil nacionalista criticou con dureza a posición cómplice asumida por parte do Goberno municipal de Vigo. “En lugar de poñerse a carón da veciñanza de Teis e de esixir a Madrid que atendan as súas reivindicacións, Abel Caballero decidiu aliñarse de maneira obediente coa Moncloa e con Ferraz. Defender Vigo non é dicir ‘si bwana’ aos teus cando gobernan”, reprochou. 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM