O Goberno galego amplía ata o 31 de decembro a vixencia automática dos títulos e carnés de familia numerosa

As familias están obrigadas a solicitar unha cita para a súa renovación
Publicado por o día 11/09/2020 na sección de Social,Xunta de Galicia

O Goberno galego amplía ata o 31 de decembro a vixencia automática dos títulos e carnés de familia numerosa

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a resolución pola que se amplía ata o 31 de decembro a vixencia automática dos títulos e carnés de familia numerosa. Esta medida ten como obxectivo que as familias numerosas poidan seguir accedendo a todas as prestacións e beneficios que lle son propias a pesar de que a súa documentación caducara nos últimos meses.

Tras o decreto de estado de alarma determinado pola crise sanitaria da covid-19 xa se establecera a prórroga da vixencia dos títulos de familia numerosa con caducidade desde o 1 de xaneiro de 2020 ata tres meses despois do levantamento das medidas derivadas desta situación. Deste xeito, logo de que en Galicia se levantara o estado de alarma o pasado 15 de xuño, os títulos de familia numerosa mantiñan a súa vixencia ata o 15 de setembro.

Mediante esta nova ampliación, as familias poderán seguir facendo uso da súa documentación ata o 31 de decembro a pesar de estar caducada. Iso si, están obrigados a solicitar unha cita para a súa renovación.

Esta prórroga non se aplicará no caso dos fillos que deixen de cumprir os requisitos esixidos, como por exemplo, ter cumpridos 26 anos ou non ter un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.