O Goberno galego analizará a situación das persoas sen fogar en Galicia co obxectivo de elaborar un plan de atención específico

Fabiola García destacou que a cifra de galegas e galegos que sofren carencia material severa reduciuse nun 40% e supón xa menos da metade da media nacional

A conselleira de Política Social, Fabiola García, adiantou que a Xunta de Galicia analizará un Estudo sobre a situación das persoas sen fogar en Galicia, elaborado en colaboración con Cruz Vermella, “un informe que será a base dun futuro Plan de atención ás persoas sen fogar, que redactaremos coas entidades sociais”. Así mesmo lembrou que antes de finalizar o ano aprobarase o novo Decreto da Renda de inserción social de Galicia (Risga).

Así o indicou durante o acto conmemorativo do Día mundial da erradicación da pobreza celebrado no Parlamento de Galicia e no que a Rede Galega de Loita Contra a Pobreza (EAPN Galicia) inaugurou a súa exposición Ninguén á marxe. A conselleira sinalou que “o progreso económico e o benestar social non estarán completos ata que non cheguen á totalidade dos cidadáns”. Por iso, fixo fincapé na necesidade de aumentar a concienciación tanto das Administracións públicas como do conxunto da sociedade, así como de avanzar na loita contra os medos e prexuízos que aínda existen cara os que están atravesando situacións de dificultade.

Fabiola García fixo fincapé en que a Xunta de Galicia apoia a aquelas asociacións e axentes que loitan contra as desigualdades a pé de campo e traballa en coordinación con outras administracións. Este espírito plasmouse na Axenda Social Única de Galicia, acordada cos concellos galegos e con EAPN-Galicia. Esta suma de esforzos contribuíu a que os datos de pobreza e exclusión social leven varios anos reducíndose de xeito constante. Así, a titular da carteira social destacou que a cifra de galegas e galegos que sofren carencia material severa reduciuse nun 40% e supón xa menos da metade da media nacional. Así mesmo, a taxa de risco de pobreza ou exclusión social volveu caer e é a máis baixa dos últimos cinco anos e o número de persoas que solicitaron a Risga baixou nun 10% no último ano.

A conselleira rematou a súa intervención agradecendo o labor de EAPN-Galicia na visibilización e loita das situacións de pobreza. “O voso compromiso é vital para lograr unha Galicia máis xusta”, concluíu.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM