O Goberno galego aproba a prórroga da Tarxeta Básica ata o 30 de xuño de 2021 para seguir axudando ás persoas que máis o necesitan

Feijóo destaca, por outra banda, o incremento nun 50% dos fondos que se destinan nestes momentos á Rede Galega de Atención Temperá
Publicado por o día 29/12/2020 na sección de Social,Xunta de Galicia

O Goberno galego aproba a prórroga da Tarxeta Básica ata o 30 de xuño de 2021 para seguir axudando ás persoas que máis o necesitan

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe a aprobación, no Consello da Xunta, da prórroga da Tarxeta Básica ata o 30 de xuño de 2021, para seguir axudando ás persoas que máis o necesitan na compra de produtos básicos.

Logo de salientar que, desde a súa implantación, xa se emitiron máis de 16.000, beneficiando a preto de 30.000 galegos, Feijóo recordou que o importe da tarxeta depende do número de membros da unidade familiar: entre 150 euros mensuais dos fogares unipersoais e os 300 euros para familias de tres ou máis membros.

Son tarxetas recargables, recordou, precisando que, coa decisión adoptada hoxe, o investimento total da Xunta nesta iniciativa ascende a 26,5 millóns de euros.

Ampliación da Rede Galega de Atención Temperá

Así mesmo, o titular da Xunta avanzou unha nova nova convocatoria de axudas para seguir ampliando a Rede Galega de Atención Temperá, que nos últimos dez anos multiplicou por oito a súa extensión, ao pasar de cubrir 15 concellos en 2009 a atender 117 municipios en 2020. Nesta convocatoria, explicou, increméntanse un 50% os fondos que se destinan nestes momentos á Rede Galega de Atención Temperá.

Gratuidade dos segundos fillos e sucesivos nas escolas infantís de iniciativa social e privadas

Por último, Feijóo avanzou a aprobación dun investimento de máis de 18 millóns de euros para que as escolas infantís de iniciativa social e privadas sigan sendo gratuítas para os segundos fillos e sucesivos.

“Galicia é a primeira e única comunidade autónoma de España na que a educación infantil é totalmente gratuíta para os segundos fillos e seguintes”, aseverou.

En concreto, nesta convocatoria inclúense novidades como o feito de que pasa a ser unha convocatoria plurianual, que cubrirá tanto os meses que quedan do curso 2020/2021 como todo o curso 2021/2022.

Así mesmo, incorpórase un anticipo do 100%, de xeito que cada escola cobrará dunha soa vez toda a contía que lle corresponde nese ano.

Comentar noticia

Your email address will not be published.