O Goberno local agasalla aos rapaces da Galiña Azul cun lote de libros e material

A escola infantil caldelá ten plena ocupación e mesmo conta con listaxe de espera
Publicado por o día 08/01/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O Goberno local agasalla aos rapaces da Galiña Azul cun lote de libros e material

Os nenos e nenas da Escola Infantil de Ponte Caldelas, integrada na rede da Galiña Azul, dispoñen dende hoxe dun novo lote de libros infantís que foi doado polo Concello. A entrega estivo a cargo do Goberno local, que hoxe aproveitou para facer unha nova visita a esta instalación.

O equipo de goberno, composto por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, mantén este costume dende comezo do mandato. A entrega foi realizada hoxe polo alcalde, Andrés Díaz e a concelleira e representante no Consello Escolar, Pilar Couto.

O lote está composto polos títulos Que tal estás? (Kalandraka), Chibos Chibóns (Kalandraka), Un, dous, tres que ves? (Kalandraka), Gata Kata y Pico Pi (Kokinos Editorial), De la cabeza a los Pies (Kokinos Editorial), O mundo nos ollos (Oqo), O meu aniversario (Oqo), Que mal cheira! (Oqo), Chega un avión (Oqo), Caracol e Caracola (Oqo), Caracol e Vermiño (Oqo), Amigos (Juventud), El Carnaval de los animales (Juventud), ¿Una rana? (Edelvives), ¿Un ratón? (Edelvives), Xaime e as landras (Kalandraka) e, finalmente, Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis (Kalandraka).

O Concello adoptou o costume de facer un agasallo anual á Escola Infantil e inclúe sempre libros, ao obxecto de renovar as existencias do centro, que ten entre os seus plans poñer en marcha a súa propia biblioteca de préstamo. Este ano tamén se agasallou ao centro cun aparello para quecer os biberóns, atendendo así ás suxestións do profesorado.

A Escola Infantil de Ponte Caldelas ten cuberta a totalidade da súa matrícula, polo que acolle a un total de 32 nenos e nenas de 0 a 3 anos, segundo os datos de matrícula feitos públicos polo Consorcio Galego para a Igualdade e o Benestar. Ademais, nestes intres conta xa cunha listaxe de espera doutras dúas persoas, o que deixa claro o pulo poboacional do municipio.

O Goberno local caldelán destaca a súa aposta constante pola gardería e lembra que realiza labores anuais de mantemento das súas instalacións, incluíndo o pintado integral así como todas as reparacións necesarias.