O Concello de Vigo, en cooperación coa Fundación de Mulleres por África, desenvolveu este ano 2019 en Cabo Verde o proxecto de cooperación “Ela estuda por dous” cunha achega de 20.000 euros para financiar integramente o programa internacional.
Segundo explicou este martes o alcalde de Vigo, grazas a este proxecto un total de 62 mulleres adolescentes embarazadas e nais poden continuar os seus estudos. O programa está desenvolto en colaboración co Instituto Cabo-Verdiano para a Igualdade e a Equidade de Xénero e ten como obxectivo prioritario favorecer o exercicio do dereito á educación de adolescentes embarazadas e nais.
O proxecto responde a dúas estratexias específicas. Por unha banda, promover o exercicio do dereito social básico á educación dun colectivo moi vulnerable de adolescentes embarazas e nais; e por outro, impulsar a equidade de xénero e o empoderamento das mulleres desde a infancia.
O proxecto piloto do Concello de Vigo tamén sentará as bases dunha cooperación institucional e académica coas autoridades de Cabo Verde, para abordar o fenómeno que actualmente expulsa do sistema académico a nenas e adolescentes, interrompendo o seu proceso de desenvolvemento e crecemento.
Noticias de última hora en Vigo