O goberno local mellora o saneamento en Jacinto Benavente para adaptalo ao uso residencial

O goberno de Vigo realiza melloras no saneamento desta rúa por valor de 370.000 euros, coa previsión de finalizar os traballos no mes de setembro. Para Abel Caballero, é unha obra “importantísima” de renovación da rede que permitirá o seu acondicionamento ao futuro desenvolvemento residencial na zona.
Publicado por o día 17/08/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno local mellora o saneamento en Jacinto Benavente para adaptalo ao uso residencial

O alcalde referiuse este luns aos traballos de mellora do saneamento que realiza actualmente o Concello en Jacinto Benavente, obras que presentan un orzamento de 370.000 euros e que concluirán o próximo mes. Segundo indicou, executouse unha nova canalización de saneamento que discorre entre o colector da marxe de Beiramar e a propia Jacinto Benavente á altura do Auditorio Mar de Vigo, recollendo tamén as augas da baixada da rúa Instituto Oceanográfico.

Trátase dunha renovación dun cuarto de quilómetro de canalizacións soterradas na rúa, acondicionando a rede para o uso das vivendas que se construirán no entorno e tamén para minorar os problemas de inundacións que se producían. Abel Caballero subliñou que os traballos se están a levar adiante baixo control arqueolóxico e en coordinación coa Autoridade Portuaria no tramo de conexión con Beiramar.

“É unha zona moi sensible da cidade”, advertiu Caballero, quen valorou unha actuación “moi importante desas que non se ven”, soterrada e pensada para a reconversión de Jacinto Benavente, “unha rúa adicada a frigoríficos e cunha parte cerrados hai moitos anos” que acolle agora o Auditorio Mar de Vigo, industria “cunha nova dimensión arquitectónica” e a próxima edificación no solar da antiga Cordelerías MAR. Ademais, o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo que redacta o Concello “contemplará actuacións sensibles nesta zona”, concluíu o alcalde.

Comentar noticia

Your email address will not be published.