O goberno municipal adica 2,1 millóns para apoiar a actividade deportiva na cidade

O goberno local fomenta o deporte na cidade con 2,1 millóns aos que hai que engadir a subvención de gran parte do custo do uso das instalacións municipais. Esta mañá, a Xunta de Goberno deu luz verde ás axudas para deportistas de alto nivel cunha partida económica de 50.000 euros.

Abel Caballero deu conta esta mañá da aprobación das bases específicas de axudas para deportistas de alto nivel da cidade de Vigo, cun importe de 50.000 euros. En rolda de prensa, enmarcou esta cantidade na inversión municipal en apoio ao deporte que ascende a 2,1 millóns, ademais de subvencionar gran parte do custo do uso das instalacións deportivas dos diferentes clubs de Vigo. As achegas ao deporte de base son de 925.000 euros, as do deporte de elite ascenden a 450.000 euros, as escolas deportivas reciben 420.000 euros, a promoción do deporte urbano recibe 40.000 euros, a organización de eventos deportivos supón 105.000 euros e, por último, a Fundación VIDE recibe 125.000 euros.

A Xunta de Goberno local tamén deu luz verde ao convenio de colaboración de 20.000 euros coa Asociación la sal de la tierra, para financiar o seu comedor social e o servizo de reparto de alimentos. Esta achega forma parte dos case 400.000 euros que o Concello adica anualmente aos comedores sociais da cidade. Ademais das instalacións do albergue de Marqués de Valterra, o goberno local coopera co Comedor da Esperanza, coas Misioneiras do Silencio, con Vida Digna, co Banco de Alimentos, con AFAN e coa Fundación Santa Cruz.

Outra das decisións adoptadas esta mañá polo goberno local foi contratar o servizo de formación específica do programa integrado para o emprego do Concello de Vigo. Cun importe de 21.300 euros, trátase dun plan destinado a persoas desempregadas que beneficiará a 100 persoas da cidade. Por primeira vez, o programa contempla a formación a distancia ademais da presencial.

Vivenda

A Xunta de Goberno aprobou así mesmo a cesión temporal dunha vivenda da rede de municipal de vivendas para vítimas de violencia de xénero a unha muller e o seu fillo. Cedida para o acollemento temporal dunha usuaria do Centro Municipal de información dos Dereitos da Muller por un prazo de seis meses, durante este tempo, recibirá apoio profesional por parte dunha educadora. O Concello dispón de tres vivendas para este fin cunha dedicación anual de 30.000 euros.

Desafiuzamento

Seguindo con asuntos vinculados coa vivenda, o alcalde avanzou esta mañá que o Concello conseguiu evitar o desafiuzamento dunha familia con dous menores. Tal e como explicou, logrouse o aprazamento e un prazo de dez días para buscar unha solución, que terá que ofrecer a Xunta de Galicia dado que é a administración competente.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario