O goberno municipal creará un programa de actuacións coas bandas de música e corais da cidade

O alcalde reúne esta tarde por segunda vez ao Comité Asesor de desescalada para coñecer a súa opinión sobre esta nova fase da crise sanitaria e as vindeiras. Amais avanza novos encontros con diferentes sectores para “facer un gran plan de reconstrución”.
Publicado por o día 14/05/2020 na sección de Concello de Vigo,Cultura,Galicia,Vigo

O goberno municipal creará un programa de actuacións coas bandas de música e corais da cidade

Abel Caballero avanzou que este xoves pola tarde pulsará a opinión do comité de expertos sobre cuestións desta etapa da desescalada e sobre a forma de plasmar a norma da autoridade sanitaria, que marca as pautas. Dixo que confía no criterio do consello asesor que reúne a “grandes profesionais da sanidade, da atención ás pandemias e da investigación”, coa presenza dunha das persoas destacadas no ámbito da inmunoloxía. O Consello Asesor de desescalada está conformado por dez profesionais da medicina, tres investigadores da universidade e 6 responsables técnicos do Concello.

O rexedor mantivo este xoves unha reunión telemática con representantes de nove bandas de música e de máis de corenta grupos corais vigueses para que participen no desenvolvemento cultural da cidade, tendo en conta as restricións na concentración de persoas en salas. Así, propúxolles elaborar un programa de actuacións en toda a cidade “de forma distinta, con número de participantes distintos pero seguindo adiante coa cultura”.

Así mesmo, avanzou o encontro por videoconferencia que manterá este venres cos responsables da Orquestra Sinfónica Vigo 430 e da Orquestra Sinfónica Clásica de Vigo para programar a temporada e, posteriormente, abordará esta cuestión cos grupos de música folk de Vigo. Amais, lembrou que estamos mantendo contactos co sector da hostalería, do pequeno e mediano comercio e da restauración para a recuperación económica.

“Quero facer unha prospección a fondo para elaborar un gran plan de reconstrución da economía de Vigo cos apoios que deamos e sexamos capaces de dar desde o Concello”, criticando que a Xunta de Galicia non se puxera aínda en contacto co consistorio vigués, polo que, apuntou, “farémolo sen eles”.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.