O goberno municipal de Nigrán aprobou co voto en contra do PP unha declaración na que o Concello pide a futura integración do Hospital Povisa na rede pública do SERGAS

Publicado por o día 29/10/2019 na sección de Galicia,Nigrán,Sanidad,Vigo

O goberno municipal de Nigrán aprobou co voto en contra do PP unha declaración na que o Concello pide a futura integración do Hospital Povisa na rede pública do SERGAS:

“O Hospital Povisa é o centro de referencia de asistencia sanitaria pública para moitos veciños de Nigrán e do Val Miñor, motivo polo que a noticia sobre a súa recente venda a unha multinacional de EEUU preocupa e crea inquedanza sobre o seu futuro, tanto entre os seus pacientes como no persoal traballador.

Conscientes da importancia de manter e garantir unha asistencia sanitaria pública e de calidade, a corporación de Nigrán SOLICITA á Xunta de Galicia que inicie o procedemento para declarar o Hospital Povisa de interese público co obxectivo de integrarse na rede pública do SERGAS de cara ao ano 2022, data na que finaliza o actual concerto co Sergas, garantindo en todo caso os postos de traballo e dereitos laborais.

O Hospital Povisa debe manter e consolidar a atención pública para así garantir na área de Vigo o dereito dos seus habitantes a recibir unha atención sanitaria 100% pública, universal, gratuíta e de calidade”.