O Goberno responde a En Marea que “non contempla a posibilidade de adquirir o Centro Galego de Bos Aires”

O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, dirixíase por sucesiva vez ao Executivo debido á precaria situación pola que atravesa o emblemático centro da emigración galega na Arxentina e a preocupación polo servizo de saúde e a importante obra cultural.
Publicado por o día 03/09/2018 na sección de En Marea,Política

O Goberno responde a En Marea que “non contempla a posibilidade de adquirir o Centro Galego de Bos Aires”

O Goberno de Pedro Sánchez ven de responder ao deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, que “a pesar de observar a situación do Centro Galego con evidente preocupación, polo momento non se contempla a posibilidade de adquirir esta institución”.

Fernán Vello dirixíase por sucesiva vez ao Executivo debido á delicada e precaria situación pola que atravesa o emblemático centro da emigración galega en Arxentina, cuxo edificio de máis de 110 anos alberga a historia da diáspora galega, ademáis de ter dado un servizo de saúde importante e manter entre as súas paredes un legado cultural con obras de Luis Seoane, Castelao, Laxeiro, Colmeiro ou Maside, entre outros.

O deputado de En Marea preguntaba ao Goberno se estaba disposto a adquirir o histórico edificio situado na Avenida Belgrano, como unha das medidas para tratar de salvar o Centro. Pedíalle medidas en coordinación coa Xunta para salvar non só o histórico edificio mercado co esforzó de miles de persoas emigrantes, senón a necesidade de manter o servizo sanitario e preservar os dereitos dos traballadores do Centro, poñer en valor o importante patrimonio histórico, cultural e artístico e todo o legado que se foi creando ao longo de máis dun século de vida.

O Goberno non se compromete 

O parlamentar de En Marea solicitaba un maior compromiso ao Goberno Sánchez, en lugar de “escudarse no feito de que a titularidade do Centro non lle corresponde” e que “os Gobernos español e galego limítanse a participar na xestión de Ospaña pero non implica que sexan titulares”. Para Fernán Vello o tema vai máis alá de cuestións formais, “hai unha débeda do Goberno español e da Xunta para cos miles de galegos e galegas que tiveron que emigrar, forzados polas circunstancias. É hora de rematar con ese esquecemento e compensalos. Unha maneira sería tratar de salvar o Centro Galego, o seu hospital e a súa obra”.

Na resposta do Executivo ao deputado de En Marea, non fai alusión concreta á asistenia sanitaria no Centro Galego de Bos Aires e deriva toda resposta á “que os galegos en Arxentina que poidan ter algunha dificultade para seguir a recibir asistencia sanitaria, teñen distintas alternativas ao seu dispór empregando os instrumentos dos que dispón o Estado español en Arxentina”.

Tampouco amosa un compromiso específico en relación á obra cultural, da que sinala que “existe un importante patrimonio cunha pinacoteca de máis de 150 obras, unha biblioteca con máis de 20.000 volúmenes e o Teatro Castelao”. O Executivo limítase a “agardar que se preserve o legado”.

Miguel Anxo Fernán Vello critica que “a resposta do Goberno redúcese a bonitas palabras de recoñecemento, elude calquer compromiso e non explicita posíbeis solucións nin pón sobre a mesa medidas de cooperación coa Xunta para intentar de reflotar o Centro Galego de Bos Aires”.