O goberno vigués adxudica 130.000 euros para bolsas de comedor destinadas a 2.596 nenas e nenos

O rexedor informou tamén de que este sábado se inicia o reparto de 7.500 máscaras protectoras nos mercados municipais e en tódalas parroquias viguesas e avanzou un encontro coas direccións dos centros escolares para coñecer a situación do alumnado.
Publicado por o día 08/05/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno vigués adxudica 130.000 euros para bolsas de comedor destinadas a 2.596 nenas e nenos

O goberno municipal resolveu na comisión de seguimento da crise sanitaria 31 axudas de emerxencia por valor de 9.000 euros e aprobou axudas para paliar a ausencia de comedores adxudicando 130.000 euros que beneficiarán a 2.596 nenas e nenos con becas de comedor. Así, “nun só día concedemos 138.000 euros de axuda”, recalcou Abel Caballero engadido que non se limita o orzamento para estas axudas.

Para a xornada deste venres, cifrou o reparto de comidas en 606 menús e o aloxamento de persoas sen fogar en 132 persoas, nestes momentos con 41 persoas no Pavillón do Berbés.

Amais, o alcalde avanzou que mañá sábado se inicia o reparto de 7.500 máscaras de protección nos mercados municipais e en todas as parroquias, continuando o luns e o martes. Aquelas persoas que precisen este material poden solicitalo mediante un correo electrónico a través da web municipal ou chamando ao teléfono de información 010.

Ordenadores para alumnado de Primaria

En canto á doazón de ordenadores para alumnado de Primaria dos centros da cidade, o rexedor informou que, ata este momento, téñense recibido 700 solicitudes contando con 300 ordenadores doados que prepara a empresa Revertia para ser entregados.

O vindeiro luns o Concello comeza a repartir 25 ordenadores a 7 centros da cidade: Sello, Pombal, Emilia Pardo Bazán, Ría de Vigo, Escuelas Nieto, San José da Guía e Calasancias con conexións de datos para que poidan usalo os estudantes.

O alcalde mantivo este venres unha charla coa dirección dos colexios Emilia Pardo Bazán e Ría de Vigo para coñecer cal é a súa situación e avanzou que manterá unha reunión coas direccións de tódolos centros da cidade para saber se se está producindo unha fenda educacional e cal é o dano que sofre o alumnado que non acode a clase “porque temos que ir coñecendo ben a situación”.

Lembrou tamén a colaboración de empresas na campaña de igualdade dixital: Revertia, Vodafone, que cedeu 50 liñas de conexión a Internet, EDNON e Imatia Innovation SL, Emite Networks, Iwave, Polygon-e Vigo, Infodoco infraestructuras e seguridad informática así como alumnado voluntario da Universidade de Vigo.

61 denuncias por infrinxir o estado de alarma

A Policía Local denunciou na última xornada a 61 persoas nos controis que realiza para garantir o cumprimento do Real Decreto de estado de alarma. Para o rexedor, este foi “un dos días de máis sancións desde que comezou o estado de alarma” citando algunhas das intervencións: dúas persoas nun turismo afastadas dos seus domicilios, cinco persoas realizando actividade física xuntas, tres persoas bañándose na praia ou oito persoas facendo festa nun domicilio.

Caballero apelou á prudencia da cidadanía para que garde as distancias de seguridade na rúa e manteña “moita hixiene persoal” lembrando que non está permitido falar en grupo na rúa xa que observou que, neste sentido,  “aínda hai falta de información entre a cidadanía”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.