O gospel tributo a Whitney Houston chega a Vigo

Publicado por o día 13/12/2013 na sección de Cultura

O gospel tributo a Whitney Houston  chega a Vigo

  O gospel tributo a Whitney Houston chega a Vigo para celebrar o Nadal da man da Fundación Novacaixagalicia. A compañía Georgia Mass Choir, que acompañou a artista na película A muller do predicador ofrecerá o seu concerto o vindeiro martes 17 de decembro ás 20.30 h no Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia en Vigo.

 The Georgia Mass Choir acompañou a Whitney Houston na produción de Touchstone Pictures no ano 1996, A muller do predicador. Tres cancións desta banda sonora que foron incluídas no seu disco Georgia Mass Choir Greatest Hits, editado por Savoy Records, poderán ser escoitadas no concerto. Pouco despois desta colaboración, Greatest Hits (Savoy 7123) acadou os primeiros postos nas listas gospel de Billboard.

  O disco chegou ao número 1 en xaneiro do 97 e mantivo esa posición ata o mes de maio. A compañía participou nas cerimonias de inauguración e clausura dos Xogos Olímpicos de Atlanta no 1996. Georgia Mass Choir foi nomeada no ano 97 para os premios Stellar, Grammy e Dove e mesmo gañou, xunto a Whitney Houston, o premio NAACP. Ademais actuou, con esta artista e con Stevie Wonder, na gala do Celebrated the Dream: 50 Years of Ebony, retransmitida por televisión a todos os puntos dos Estados Unidos. A agrupación tamén foi presentada en programas da cadea ABC, Good Morning America, e da NBC, Saturday Night Live. No Beacon Theatre formou parte do musical de Broadway Why Good Girls Like Bad Boys. As primeiras actuacións deste grupo comezaron en Macon, Georgia, en 1983, o seu director é Milton Biggham e a recoñecida Savoy Records é a editora dos seus discos. Gravacións de éxito foron They That Wait en xuño do 2000, They Got the World en maio do 2002 e I Owe You The Praise no 2004. A última vez que o coro visitou España foi no ano 2009, agora volve para presentar Whitney´s Happy Days, un gospel que rende tributo a Whitney Houston.

PRENSA FUNDACION NOVACAIXAGALICIA