O Grao en Deseño e Creación segue a súa tramitación coa aprobación por parte do Consello de Goberno da proposta de verificación do título

O reitor expresou a súa satisfacción pola taxa de ocupación da primeira matrícula
Publicado por o día 17/09/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O Grao en Deseño e Creación segue a súa tramitación coa aprobación por parte do Consello de Goberno da proposta de verificación do título

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo celebrou este martes a primeira sesión ordinaria do curso 2019-2020, na que o proceso de tramitación do novo Grao en Deseño de Creación foi un dos puntos centrais da xuntanza, celebrada na sala de xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Desta volta, por asentimento as e os integrantes do Consello aprobaron, tanto a memoria de grao á que a semana pasada dera luz verde por unanimidade a Xunta de Titulación, como a correspondente memoria xustificativa e económica. Así mesmo, o Consello Social reunido hoxe en sesión ordinaria tamén aprobou por asentimento a memoria do grao.

A primeira sesión de Consello de Goberno do novo curso comezou co informe do reitor, no que Manuel Reigosa presentou un estudo preliminar sobre a matrícula nos primeiros cursos dos graos nun ano, dixo o reitor, especialmente preocupante porque haber menos estudantes e menos poboación en disposición de acceder ás aulas e no que, non obstante, confirmou que as taxas de ocupación, tanto absolutas, como relativas melloraron nas tres universidades galegas. “Nós estamos particularmente moi satisfeitos dos resultados. Aínda sen pechar, estamos en valores de matrícula de preto do 99% e mesmo nalgún campus estamos por riba do 100% “, explicou Reigosa. O reitor sinalou tamén que se se considera non só o alumando que vén da ABAU, senón tamén aquel que mudou de titulación ou que vén doutro sitio e non fixo as probas da ABAU, “neste momento temos datos por riba do 100%, máis ocupación que prazas dispoñibles, o que non quere dicir que todas as titulacións enchesen, senón que globalmente hai algunhas con máis alumnado do inicialmente previsto e noutras quedamos un pouco por debaixo”.

Luz verde á proposta de verificación do Grao en Deseño e Creación

Por asentimento, as e os integrantes do Consello de Goberno aprobaron esta mañá, tanto a memoria do Grao en Deseño e Creación, que a semana pasada recibiu o visto e prace por unanimidade da Xunta de Titulación do novo grao, como as correspondentes memorias xustificativa e económica. Respecto da que no seu día rexeitou a Xunta da Facultade de Belas Artes, a nova memoria “adáptase á situación de que se impartirá na nova facultade e non en Belas Artes e tamén introduce dúas mencións, mentres que o plan inicial non tiña mencións: unha en Deseño Gráfico e Multimedia e outra en Deseño de Moda”, explica Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo.

Coa aprobación desta mañá por parte do Consello de Goberno e tamén por parte do Consello Social, “o título estará listo para ser remitido á Secretaría Xeral de Universidades para que siga o proceso normal e verificación. Tras iso, temos que empezar a traballar na creación da nova facultade, elaborando a correspondente memoria”, detalla Ramos.

Creación dunha universidade privada

En relación coa intención de Abanca de impulsar a creación dunha universidade privada en Galicia, Reigosa explicou que a Universidade de Vigo está a estudar o anteproxecto de lei que a Xunta sacou a exposición pública a semana pasada e que permitiría a posta en funcionamento da primeira institución académica privada da comunidade autónoma “por se fose preciso presentar algunha alegación”, sinalou Reigosa. En canto ao proceso de desascrición de Ieside, o reitor confirmou que se está a levar a cabo unha negociación con Abanca, “aínda que no documento da Xunta está recollido como se fai a desascrición, que tería lugar antes do funcionamento desa universidade privada”. Pola súa banda, en relación con este asunto, o Consello Social na súa reunión de hoxe acordou dar máis tempo para levar adiante a negociación para realizar a desascrición.

No seu informe, Reigosa tamén deu conta do nomeamento de Elena Rivo como comisionada de coordinación institucional en substitución de Javier Rodríguez Berrocal, por mor da súa xubilación, ao que agradeceu o seu traballo. Así mesmo, o reitor avanzou a existencia dun principio de acordo coa oposición para o nomeamento do Valedor Universitario, que deberá ser ratificado polo Claustro. Por outra banda, Reigosa confirmou o inminente pago das subas previstas para o persoal investigador en formación, ao tempo que agradeceu ao Concello de Ourense as facilidades dadas nas últimas semanas para solucionar os atrancos que impedían a posta en marcha do edificio do Campus da Auga, “unha infraestrutura que comeza a funcionar co inicio do curso e que suporá un antes e un despois para o campus de Ourense”.

O reitor tamén aproveitou o informe para expresar a súa satisfacción polos acordos acadados a finais do pasado mes de xullo entre a Xunta e as tres universidades sobre as titulacións de grao para o período 2019-2021 e que permitirán á Universidade de Vigo incorporar a súa oferta dous novos graos: o Grao dual en Tecnoloxía da Automoción e o Grao en Relacións Internacionais, que será interuniversitario entre o campus de Ourense e o de Ferrol. Ademais, no curso 2020-2021 comezará a simultaneidade do Grao en Enxeñaría Mecánica e o Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática no campus vigués.

Un aforro medio de enerxía do 25% durante o peche de agosto

O vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, e o director da Área de Sostibilidade, Jacobo Porteiro, foron os encargados de presentar ante o Consello de Goberno o balance enerxético derivado, por primeira vez, do peche das edificacións da Universidade de Vigo entre o 7 e o 19 de agosto. Un período no que se produciu “un aforro medio de enerxía do 25%, aínda que con grande disparidade, con centros que se achegaron ao 75% e outros que non acadaron o 10%”, explicou Porteiro, que destacou o caso das dependencias da Reitoría onde a redución do consumo foi de preto do 80%. Así mesmo, Porteiro sinalou que o peche que se produciu o pasado mes evitou a emisión de 58 toneladas de CO2 á atmosfera e un aforro económico de 15.000 euros.  Pola súa banda, Míguez felicitou á comunidade universitaria pola súa resposta a esta medida.

O vicerreitor de Planificación e Sostibilidade tamén foi o encargado de explicar eta mañá as incidencias derivadas da finalización do contrato da empresa que prestaba o servizo da reprografía nos campus de Vigo e Pontevedra. Trala instalación de máquinas de autoservizo das facultades e escolas e dun punto de atención física na área comercial do campus vigués, Míguez lembrou que a Universidade está a traballar desde hai meses nun novo prego de condicións para licitar un servizo completo de copistería. “Un prego que consta de tres partes: a modalidade de pago por páxina sen opción de compra de diferentes equipos de impresión; servizo de fotocopiadora en réxime de autoservizo e contratación dun servizo para a comunidade de reprodución, escaneo, fotocopiado de textos, arquivos e imaxes en réxime atendido por ámbitos”, detallou o vicerreitor, que reiterou a súa complexidade, “de aí que poida quedar deserto” e no que tamén se pide que se cumpra coas e cos traballadores da anterior concesionaria do servizo.