O Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, primeiro da Universidade en obter o selo de calidade internacional EurACE

Publicado por o día 05/04/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, primeiro da Universidade en obter o selo de calidade internacional EurACE

O Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación acaba de recibir o selo de calidade internacional EurACE, que acredita o cumprimento das competencias de enxeñaría europeas. A escola convértese así no primeiro centro da Universidade de Vigo en ter un título con esta certificación. O seu director, Íñigo Cuiñas, explica que este selo atende a “estándares de calidade, relevancia, transparencia, recoñecemento e mobilidade contemplados no Espazo Europeo de Educación Superior para as enxeñarías”.

Para o centro, subliña o seu director, a obtención deste selo “significa un recoñecemento internacional para a forma na que facemos as cousas, e máis obténdoo sen prescricións xa no primeiro informe provisional”. Por outra banda, destaca que é tamén un orgullo “porque indica que os nosos titulados e tituladas están ao nivel esixido para obter unha certificación de calidade continental, o que tamén distingue o seu título de todos aqueles que non teñen este selo”.

Criterios para a obtención do selo

A entidade que xestiona e certifica en España este selo é a Aneca, que está acreditada por European Accreditation of Engineering Programmes (EurACE) para estas tarefas. Trátase dun proceso similar á acreditación dun título a nivel nacional, “como o que teñen que pasar todos os títulos cada certo tempo”, remarca Cuiñas, “pero cuns criterios adicionais”. Así, entre outras cuestións, téñense en conta os resultados de aprendizaxe definidos no plan de estudos e se os egresados e egresadas do título acadan estes resultados establecidos pola axencia europea de calidade. “Estes resultados de aprendizaxe recóllense no listado Enaee e son comúns para todos os títulos de enxeñaría de Europa”. Tamén se valora o soporte institucional del título para o desenvolvemento do programa formativo. Neste sentido, o director da escola remarca que “os obxectivos do título son consistentes coa misión da Universidade e a súa consecución garántese a través dun adecuado soporte en termos económicos, humanos e materiais e dunha estrutura organizativa que permita unha apropiada designación de responsabilidades e unha toma de decisións eficaz”.

O proceso de obtención do título, ao que tamén se presentou a Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra, ten unha primeira parte documental, “na que os centros xustificamos a adecuación dos títulos aos resultados de aprendizaxe Enaee, e outra presencial, na que unha comisión nos visitou, mantivo xuntanzas con múltiples colectivos e determinou a obtención do selo de calidade”, explica o responsable da escola. Agora, tras a certificación desta distinción, no mes de xuño terá lugar un acto en Madrid no que se fará a entrega oficial do selo.