O Grove acolle a primeira das catorce actividades socioculturais dirixidas ás persoas usuarias do servizo de teleasistencia domiciliaria

Máis de 40 persoas dos concellos do Grove, Sanxenxo, Cambados, Meis e Ribadumia asistirán ao taller de estimulación de memoria enmarcado nas actividades socioculturais dirixidas ás persoas usuarias do servizo de teleasistencia domiciliaria
Publicado por o día 22/05/2018 na sección de Galicia,O Grove

O Grove acolle a primeira das catorce actividades socioculturais dirixidas ás persoas usuarias do servizo de teleasistencia domiciliaria

A Deputación de Pontevedra organiza para este mércores ás 17 horas na Sala das Cunchas do Grove a primeira das catorce actividades socioculturais previstas para este ano e dirixidas ás persoas usuarias do servizo de teleasistencia domiciliaria da institución provincial. Nesta primeira actividade, consistente nun taller de estimulación da memoria, participarán máis de 40 persoas e preto dunha decena de acompañantes dos concellos do Grove, Sanxenxo, Cambados, Meis e Ribadumia.

O taller da memoria que acollerá O Grove será impartido por unha das profesionais do servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra. Máis polo miúdo, trátase dunha graduada en Psicoloxía coa especialidade de Neuropsicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid e técnica superior en Profiling e Intelixencia Emocional, que achegará as claves para estimular a memoria.

Na actualidade, o servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra atende a un total de 523 persoas de 45 concellos da provincia. Esta iniciativa permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida.

Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, os e as usuarias reciben asistencia inmediata, 24 horas ao día e 365 días ao ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ao problema. Isto é posible grazas a un terminal asociado á liña telefónica, que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa, similar ao sistema de “mans libres” dos teléfonos móbiles. Así mesmo, a través do centro de atención deste programa préstanse servizos de apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social, xestiónanse axendas para recordar á persoa usuaria datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións e tamén se realizan seguimentos permanentes mediante chamadas telefónicas periódicas. O servizo complétase con visitas regulares aos usuarios e usuarias, co obxectivo de acompañar a estas persoas e así minimizar o sentimento de soidade e illamento ao que moitas se ven abocadas, e xornadas de convivencia.

Ao longo do 2017 atendéronse un total de 4.735 alarmas (cun tempo medio de atención de 10,6 segundos e de resolución de incidencias de 1 minuto e 28 segundos) desde os terminais. Por número de chamadas destacan as persoas usuarias dos concellos de Tomiño, con 358; O Porriño, con 327; Mos, con 299; O Grove, con 258 e Sanxenxo, con 232 chamadas.

Durante o ano 2017, houbo 441 visitas de seguimento e coordinación, incluíndo as visitas por incidencia técnica. Ademais, ao longo do ano organizáronse dous tipos diferentes de actividades, unhas, lúdicas, dirixidas ás persoas usuarias do servizo de teleasistencia, que se realizaron nos concellos de Mos, Bueu e Cambados, e, outras, actividades de difusión que tiveron lugar nos concellos de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, O Grove, Pazos de Borbén, Cuntis,  Barro, Cambados, Salceda de Caselas, Valga, Meis, Ribadumia, Forcarei e Sanxenxo.