O Grupo Común da Esquerda asina con UNICEF o Pacto Galego pola Infancia

Luca Chao: “defendemos a dotación dun orzamento específico que garanta os dereitos dos nenos e nenas”
Publicado por o día 01/11/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Grupo Común da Esquerda asina con UNICEF o Pacto Galego pola Infancia

A tarde de onte, a voceira do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, asinou xunto a Myriam Garabito, presidenta do Comité Galego de UNICEF, o Pacto Galego pola Infancia. A deputada manifestou a UNICEF o pleno compromiso do Grupo cos dereitos dos nenos e nenas, como un “eixo de actuación política fundamental”.

“Algunhas das medidas que defende o Grupo Común da Esquerda son a creación dun Observatorio da Infancia, a dotación dun orzamento específico que garanta os dereitos da infancia ou facer especial fincapé nas áreas da Administración autonómica que teñen un impacto decisivo sobre os nenos e nenas de Galicia, como o ensino ou os servizos sociais”, manifestou Luca Chao.

A voceira tamén lembrou que os últimos datos dispoñibles, do ano 2016, amosaban que case o 30% dos nenos e nenas de Galicia vivían en fogares en risco de pobreza ou exclusión social, cifra que aumenta ata o 50% no caso das familias monoparentais, que son, na súa maioría, ‘monomarentais’. “Datos coma estes fan aínda máis fundamental e urxente a blindaxe dos dereitos da infancia”, finalizou Luca Chao.

Comentar noticia

Your email address will not be published.