O Grupo Común da Esquerda comprométese coas demandas da cidadanía e reclama unha intermodal digna para Ourense

Ánxeles Cuña advirte que o proxecto xeraría un caos circulatorio e illaría os barrios
Publicado por o día 23/01/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Grupo Común da Esquerda comprométese coas demandas da cidadanía e reclama unha intermodal digna para Ourense

Esta mañá Ánxeles Cuña analizou en rolda de prensa no Parlamento de Galicia o proxecto de estación intermodal de Ourense, que está a recibir numerosas críticas por parte dos expertos e da cidadanía mobilizada. Acompañárona Rafael Castro, presidente da Delegación ourensá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, e Jorge Duarte, concelleiro en Compostela. No Pleno da semana que vén, o Grupo Común da Esquerda preguntará ao Goberno sobre a posibilidade de paralizar o proxecto e procurar un “de maior racionalidade”. “Aínda están a tempo de rectificar”, salientou Cuña.

A deputada lembrou que a intermodalidade é un dos principais retos de futuro no ámbito da mobilidade e do transporte e que a nova estación intermodal será “a infraestrutura máis importante dos próximos 100 anos en Ourense”, como “porta entre Galicia e o resto da Península”. Algúns dos problemas que formularía o presente proxecto serían un caos circulatorio, nomeadamente nunha avenida pola que se prevé que pasen a diario 300 autobuses; o illamento dos barrios e falta de intercomunicación entre eles, ou a construción dun muro de oito metros na contorna da estación que illaría o Centro de Saúde da Ponte.

“Este proxecto non favorece a mobilidade, a intermodalidade, a permeabilidade, a sustentabilidade económica e ambiental nin a racionalidade do gasto. A veciñanza, indignada e arrepiada, constituíu a Plataforma por un Tren Digno, que está a medrar a pasos axigantados. A cidadanía ourensá está en pé contra este proxecto irracional e por unha intermodal digna, e xa vimos en Verín que cando a sociedade se mobiliza, hai vitorias”, apuntou Cuña. A deputada fixo tamén un chamamento á “colaboración institucional” entre as tres Administracións implicadas e afirmou que a negociación se ve con maior esperanza a raíz da formación do Goberno de coalición progresista.

O presidente da Delegación ourensá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, pola súa parte, incidiu en que se presentou un proxecto que é en realidade “a unión de tres proxectos que individualmente poden solucionar os problemas de transporte urbano, pero non o problema global que existe na cidade en torno ao transporte”. Castro insistiu tamén en que a paralización do proxecto “non tería por que atrasar a chegada da alta velocidade a Galicia” e que, de feito, “unha intermodal digna debería ser a porta de entrada da alta velocidade a Galicia”. Jorge Duarte, por outra banda, achegou a visión sobre a intermodal de Compostela, incidindo na intermodalidade como “un dos retos do século XXI” e na necesidade de que o Ministerio de Fomento, ADIF e o Concello de Santiago se coordinen para “resolver os problemas urbanísticos e mellorar a conexión dos barrios co centro da cidade”.

Tras a rolda de prensa, Ánxeles Cuña participou xunto a Antón Sánchez e Marcos Cal nunha xuntanza cos propios Castro e Duarte da Marea Atlántica Xoán Mosquera, para abordar a situación do transporte intermodal en distintas cidades galegas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.