O Grupo Común da Esquerda defende un cambio de modelo fiscal para beneficiar as maiorías sociais

O grupo tamén rexeita a Lei de Acompañamento, que reflexa un goberno colapsado e liderado polos lobbies.
Publicado por o día 18/11/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Grupo Común da Esquerda defende un cambio de modelo fiscal para beneficiar as maiorías sociais

O Grupo Común da Esquerda defendeu este luns un cambio de modelo fiscal para beneficiar as maiorías sociais no debate parlamentario das emendas cruzadas dos Orzamentos de 2020. A deputada Julia Torregrosa incidiu na necesidade dunha contas que atendan as prioridades do país, fronte a un goberno que “repite as mesmas receitas caducas sen indicios de ter solucións para afrontar a desaceleración económica que está por chegar”.

Torregrosa criticou que “ese crecemento co que vostedes se enchen de orgullo non repercutiu no benestar da cidadanía”. Ademais, afeou os recortes sociais do goberno de Feijóo, que “só conseguiron que os máis novos teñan que irse, deixando unha  Galicia minguada en poboación  e crecida en idade”. Así, fixo un repaso polas partidas máis afectadas por estas políticas destacando a redución en termos reais dende 2009 do 66,8% en vivenda e do 43,2% en emprego, “os dous temas que máis preocupan hoxe ás galegas e aos galegos”.

Fronte a esta receita do PP, que “non é dixerible para a poboación”, Julia Torregrosa sinalou que é preciso “modificar as medidas fiscais para aumentar os recursos e repartilos beneficiando á cidadanía, non ao gran capital”. Para facelo posbile, a deputada apuntou que o Grupo Común da Esquerda propón traballar en tres eixos: o incremento do sistema de financiamento autonómico, facendo unha estimación rigorosa dos ingresos, e a revisión e modificación do Fondo de Compensación Interterritorial; a revisión do sistema fiscal autonómico; e un plan contra a fraude fiscal.

Segundo explicou Torregrosa, estas medidas, xuntou a unha reformulación de prioridades no gasto público, “levarían a dispoñer de case 900 millóns de euros para investimento social”. As principais liñas de actuación con estes ingresos pasarían por un un plan integral de loita contra a pobreza, unha estratexia galega contra o desemprego e a precariedade, plans de garantía da sanidade e do ensino públicos, un plan de acceso á vivenda digna, un plan de choque contra a violencia machista, un plan de reactivación industrial ou un plan de transición ecolóxica, entre outros.

A Lei de Acompañamento reflexa un goberno colapsado

No debate da Lei de Acompañamento, o voceiro do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, afirmou que esta norma “reflexa o proxecto dun goberno colapsado no medio rural, na política industrial e liderado polos lobbies mineiros, promotores e eléctricos, e case inconstitucional”. No tocante á política fiscal, Sánchez criticou que “como fixeron en Andalucía no pacto con Vox, baixan impostos aos ricos, incrementan as desigualdades e desmantelan os servizos públicos”.

Con respecto á Lei do Solo, Sánchez sinalou que “seguindo a tradición, o PP tráenos unha modificación. Unha lei do solo que nos ía traer estabilidade e seguridade xurídica, pero a seguridade que trae é que cada 6 meses imos ter unha modificación”. Así, lamentou que novamente “non é para mellor”, xa que recuperan a práctica da monetarización do solo, debilitando o patrimonio público, fundamental para a política pública de vivenda”.  Ante isto, Sánchez valorou que “o rumbo do urbanismo do PP márcano os que fan negocio coa especulación”, mentres que “renuncia á intervención e regulación do mercado do solo e da vivenda. Os promotores están moi agradecidos, pero a xente humilde non”.

Sánchez tamén destacou que na Lei de Rehabilitación múedase “un dos artigos máis polémicos, criticados e emendados pola oposición”, que permitía excluir o mantemento da trama urbana, das aliñacións e das rasantes existentes nos conxuntos históricos e que está en trámite de impugnación constitucional polo goberno do Estado. “O malo é que non aproveitaran para eliminar outros que tamén son nocivos para o noso Patrimonio arquitéctonico. Aproben as nosas emendas e mellorarán a lei para que non teñan que volver modificala dentro de pouco”, indicou.

Por último, tamén criticou os cambios na Lei de Caza, que “é a mostra dun goberno que despois de 10 anos de políticas de destrucción do rural, xa non é capaz de controlar a situación. Ademais, pon dacordo a cazadores e ecoloxistas en que pode ser un problema de seguridade e pode non resolver nada”. Do mesmo xeito, a Lei de Patrimonio Natural tamén se modifica “en tempo récord, 3 meses despois de ter sido aprobada, e faise introducindo confusión na súa redacción”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.