O Grupo Común da Esquerda demanda a transferencia das competencias de concesións para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre

Antón Sánchez: “A capacidade para decidir como se xestiona o litoral debe ser de Galicia para garantir a sustentabilidade e a defensa do complexo Mar-Industria”
Publicado por o día 06/02/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Grupo Común da Esquerda demanda a transferencia das competencias de concesións para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre

O Grupo Común da Esquerda rexistrou onte unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que se esixe á Xunta que demande ao Goberno do Estado a transferencia das competencias para a xestión dos títulos de ocupación e uso do dominio público marítimo-terrestre, especialmente o outorgamento de autorizacións e concesións.

A iniciativa recolle as preocupacións do complexo alimentario Mar-Industria galego a respecto da posible reforma do Regulamento 876/2014 de Costas, que podería impoñer condicións demasiado restritivas por descoñecemento da realidade galega. “Desde Galicia, desde a cercanía e desde o coñecemento da nosa realidade poderanse facer moito mellor eses labores que desde Madrid”, argumentou Antón Sánchez. Estas competencias xa as teñen transferidas outras Comunidades Autónomas, como é o caso de Cataluña e Andalucía, que as teñen contempladas en cadanseu Estatuto de Autonomía.

A iniciativa procura, así mesmo, que dentro do respecto cara a sustentabilidade ambiental e paisaxística, a preservación dos valores do litoral galego e o coñecemento da realidade galega, se permita aquela actividade propia do litoral galego no complexo Mar-Industria que teña que localizarse na costa de forma imprescindible. “En ningún caso isto debe significar a xeralización da ‘barra libre’ da ocupación e a liberalización do dominio público marítimo-terrestre”, puntualizou o voceiro do Grupo Común da Esquerda. Este sería o caso dos “intereses privados de ocupación indiscriminada do litoral” que moveron a aprobación deste Regulamento no seu momento por parte do Partido Popular cando gobernaba no Estado.

Neste sentido, Sánchez tamén demandou ao Goberno galego que “actúe como tal” e “non utilice o conflito de forma partidista”. “Hai solucións que están na súa man e que ten que acometer, xa estamos fartos da súa inacción e de que lle sobre toda caste de autogoberno. O sector do Mar agarda solucións por parte do seu Goberno e este ten que actuar”, engadiu. O voceiro do Grupo Común da Esquerda lembrou tamén que tras dez anos na Xunta, Feijóo non solicitou aínda ningunha transferencia de competencias, e instouno a “espertar dese letargo para que os galegos e galegas decidamos sobre o que é noso e coñecemos mellor ca ninguén”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.