O Grupo Común da Esquerda denuncia o “uso partidista do Parlamento” por parte de Feijóo

Luca Chao cualificou a decisión de fixar o Debate sobre o Estado da Nación para a vindeira semana como unha “deturpación” do mesmo
Publicado por o día 16/09/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Grupo Común da Esquerda denuncia o “uso partidista do Parlamento” por parte de Feijóo

O Grupo Común da Esquerda iniciou o traballo parlamentario esta semana cunha rolda de prensa na que abordou o rexistro por parte da Xunta de Galicia do Debate sobre o Estado da Nación para a próxima semana. A súa voceira, Luca Chao, cualificou a decisión como “unha deturpación do debate” para convertelo “nun debate electoral centrado na política do Estado”. Nesta liña, a deputada anunciou que tentarían “chegar a un acordo” cos demais grupos da Cámara para “solicitarlle a Núñez Feijóo que rectifique”.

“O actual presidente da Xunta esquece con demasiada frecuencia que foi escollido para representar ao conxunto da cidadanía galega e non para disputar a presidencia do Estado ou do Partido Popular”, manifestou Luca Chao. Lembrou tamén despois que o Debate sobre o Estado da Nación é “un fito fundamental do curso político que ten que permitir abordar con fondura os problemas do país” e que “Galicia ten problemas fundamentais como para tomarse o debate á lixeira”.

Un destes problemas, subliñou Chao, é o que ten que ver coa situación do ensino público. Coincidindo co inicio do curso escolar nos institutos galegos, a deputada do Grupo Común da Esquerda quixo agradecer ao corpo docente “o enorme esforzo que fan para soster nos seus ombreiros a educación das nenas e nenos, rapazas e rapaces de Galicia” e expresarlles o compromiso do Grupo coa “recuperación dos seus dereitos laborais”.

“O curso comeza con menos aulas, menos profesorado, demasiadas materias afíns e aulas ateigadas, cos ratios completamente falseados. A isto hai que sumar obras sen rematar en moitos centros escolares que dificultan o seu funcionamento normal, equipamentos deficitarios, bolsas insuficientes… en definitiva, consecuencias claras dun financiamento recortado na era Feijóo”, denunciou Luca Chao.

O Grupo Común da Esquerda rexistrou nos últimos días varias iniciativas relacionadas co inicio do curso escolar, entre elas unha batería de preguntas ao Goberno sobre os “retrasos inxustificados” nas obras en varios centros escolares, que nalgúns casos supuxeron mesmo o retraso do comezo das clases. Rexistrou tamén unha iniciativa sobre a cobertura de prazas vacantes nos centros, que se fixo “demasiado tarde, a apenas uns días do comezo do curso”, para esixir que se realice en futuras ocasións “con data límite na primeira semana de setembro”. Finalmente, outra das iniciativas ten que ver co gasto que supón para as familias o inicio de curso: “libros, material escolar, actividades, matrículas universitarias, aloxamento, transporte…” enumerou Luca Chao na rolda de prensa. “Neste senso propoñemos a realización dun estudo sobre o custo real do inicio de curso que permita adecuar as bolsas educativas ás necesidades reais”, engadiu.

No que respecta ao ensino universitario, Chao demandou “respostas” ao Goberno sobre a inminente creación dunha universidade privada en Galicia que disipasen a incerteza sobre os efectos negativos que tería para o sistema universitario público galego. “Queremos saber que titulacións concretas se van permitir, en que prazos e condicións e, sobre todo, esiximos o compromiso de non derivar un só euro público a esta universidade privada”, reclamou a deputada.

Interveu tamén na rolda de prensa a deputada Ánxeles Cuña, que denunciou “a sangría de peche de escolas no rural” ao tempo que a Xunta proclama que a presente lexislatura é ‘a lexislatura do rural’, o cal Cuña cualificou como unha “burla” á sociedade galega. Denunciou que este curso comezou “con seis colexios pechados” e que non se produciu a prometida reapertura do CRA de Narón. “Mentres blindan os colexios concertados, que segregan por xénero e por clase, pechan os centros públicos do rural. Á vista queda o seu modelo privatizador”, finalizou Cuña.

Triplo asasinato machista en Valga. Luca Chao comezou a rolda de prensa condenando o asasinato machista que tivo lugar esta mañá en Valga e enviando condolencias a familiares e persoas achegadas das tres mulleres asasinadas, que eran exparella, excuñada e exsogra do agresor. Denunciou, ademais, o feito de que estas dúas últimas non vaian ser consideradas nas cifras oficiais. Condenou tamén a situación que o movemento feminista ten cualificado como ‘estado de emerxencia’ e chamou a sociedade a participar das mobilizacións nocturnas que terán lugar o 20 de setembro en todo o país para denunciar este “estado de emerxencia feminista”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.