O Grupo Común da Esquerda denuncia que “a verdadeira trama dos lumes é a complicidade de Feijóo co lobby empresarial que dicta a política forestal”

Luca Chao lamenta que a “penosa situación dos últimos días seguirá repetíndose se o goberno do PP non toma en serio abordar un cambio de políticas”
Publicado por o día 09/09/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Grupo Común da Esquerda denuncia que “a verdadeira trama dos lumes é a complicidade de Feijóo co lobby empresarial que dicta a política forestal”

O Grupo Común da Esquerda denunciou este luns que “a verdadeira trama dos lumes en Galicia é a complicidade de Feijóo co lobby empresarial que dicta a política forestal” tras a vaga de incendios que se estendeu en numerosos puntos de Galicia nos últimos días e, segundo os datos facilitados pola Consellería do Medio Rural, arrasou máis de 1.100 hectáreas. A voceira Luca Chao, que agradeceu o traballo a todos os equipos de extinción e emerxencias, lamentou que esta “penosa situación seguirá repetíndose se o Goberno do PP non toma en serio abordar un cambio de políticas”.

Segundo sinalou Luca Chao, esta mudanza debe ser “de fondo calado en todas as políticas rurais: na política agraria, gandeira, forestal e ambiental. Mentres isto non aconteza, o noso país, tal e como alertan todos os informes realizados na materia, seguirá ardeando ano tras ano, deixando tras de sí terribles consecuencias”. A deputada advertiu de que “seguiremos perdendo riqueza ambiental e millóns de euros para apagarlles o lume ás empresas que ditan a política forestal do goberno galego e aos propietarios dos montes e, posiblemente, vidas humanas”.

Deste xeito, Luca Chao incidiu en que “urxe actuar, pero non a golpe de titular de prensa nin de chivo expiatorio. A cuestión dos lumes forestais en Galicia é un problema complexo, que como tal require solucións complexas, políticas a medio e longo prazo, diálogo, e participación social”. Neste senso, “falar de tramas incendiarias ou centrarse unicamente nos equipos de extinción é unha irresponsabilidade máis do Goberno de Núñez Feijóo”, afirmou. “Feijóo, en lugar de asumir a súa responsabilidade en canto presidente do goberno, en lugar de instar ás forzas políticas a un pacto medioambiental de futuro, trata de enredar con chivos expiatorios absolutamente falsos”, remarcou. Ademais, apuntou que “os medios de extinción por suposto son necesarios, son imprescindibles, pero o que trasloce o incremento do gasto en extinción significa o fracaso das políticas rurais”.

Pola contra, avogou por situar o foco no despoboamento do rural, a deficiente ordenación territorial, a invasión de especies non autóctonas e de combustión rápida e explosiva e a precarización dos servizos contra o lume.  “De querer frear de verdade os lumes, o primeiro no que cabe centrar a análise é no estado no que se atopan os montes do país. Despois de anos e anos de monocultivo irresponsable de eucalipto atopámonos cunha enorme masa combustible de especies pirófitas. A política forestal continúa sometida aos intereses de empresas privadas que fan grandes negocios con amigos do Partido Popular. Feijóo insiste en aumentar a masa incendiaria mentres todas as recomendacións din o contrario. Nós pensamos que isto xa non se pode achacar á irresponsabilidade senón á complicidade e sometemento total ao lobby empresarial que dicta a política forestal galega. Esta si que sería a verdadeira trama dos lumes en Galicia”, sentenciou Luca Chao, incidindo en que “precisamos verdadeira participación para acadar un modelo que sexa sostible económica, social e ambientalmente; e por suposto, que sexa apagable”.

Por todo isto, indicou que dende o Grupo Común da Esquerda “seguiremos presentando iniciativas froito do diálogo permanente coa sociedade civil que atendan ás múltiples caras do problema”. Entre elas, citou medidas que loiten contra o abandono do rural, que superen a visión economicista da política forestal apostando por unha política integral de usos do monte, redución das masas pirófitas, políticas de reactivación de terras agrarias, un plan de repoboación con especies autóctonas caducifolias, a elaboración dun novo plan do monte galego, o desenvolvemento da lei de emerxencias ou dotar de estabilidade para os servizos de extinción e loita contra a precarización e privatización dos mesmos, entre outras.

“Pensemos que estamos vendo o ocaso do terceiro e agardamos último mandato do señor Feijóo, e gustaríame que puidéramos preguntarlle á xente que medidas puxo sobre a mesa para atallar esta problemática? Que medidas puxo sobre a mesa para mellorar a vida no rural ou evitar o seu abandono? Coido que sería moi difícil indicar ningunha. Por iso, tamén, temos a tarefa urxente de traballar nunha alternativa política”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.