O Grupo Común da Esquerda esixe á Xunta que asuma responsabilidades polo peche de Isowat

Luca Chao: “o Goberno galego foi incapaz de resolver un só conflito industrial neste país”
Publicado por o día 07/11/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Grupo Común da Esquerda esixe á Xunta que asuma responsabilidades polo peche de Isowat

Onte o Comité de Empresa de Isowat tivo que asinar a extinción dos contratos, o cal supón a perda de 66 postos de traballo, unha pésima noticia para o tecido industrial galego. O Grupo Común da Esquerda traslada o seu apoio e solidariedade ás familias afectadas e denuncia a completa inutilidade do Goberno galego á hora de defender os empregos industriais. “Os traballadores van á rúa sen que a Xunta fose quen de poñer unha soa alternativa enriba da mesa”, lembrou Luca Chao. O Grupo Común da Esquerda preguntou en numerosas ocasións no Parlamento pola situación de Isowat e as accións que o Goberno galego pensaba levar a cabo, recibindo sempre escusas por resposta.

“A perda de Isowat supón a perda dunha empresa industrial moi importante, que era rendible e tiña carteira de pedidos. A súa mala situación respondía a unha pésima xestión e a un nulo compromiso por parte da Xunta para buscar unha solución”, avaliou a voceira do Grupo Común da Esquerda. Na mesma liña, Antón Sánchez apuntaba que Isowat tiña “unha capacidade máis que demostrada nun sector que nos vindeiros anos terá numerosas oportunidades de traballo” e que a situación era “absurda e inexplicable”. “A incapacidade do Goberno de Feijóo queda demostrada, xa que a Junta de Castela e León si conseguiu na planta de Medina del Campo un acordo entre o inversor e Abanca para a viabilidade futura da mesma, mentres a Xunta foi incapaz de que se producise ese acordo. Primaron máis os intereses especulativos de Abanca e a complicidade da Xunta con ela que a defensa da economía produtiva de Galicia”, engadiu o voceiro.

O peche definitivo de Isowat súmase a un contexto de constantes malas novas para a industria galega, que acumula xa 22.500 postos de traballo perdidos durante os dez anos de goberno de Feijóo. “Estamos padecendo unha sangría industrial da que a Xunta de Galicia é plenamente responsable, e esixiremos que rinda contas ao respecto”, manifestou Luca Chao. “É necesario poñer a unha persoa capaz á fronte da política industrial galega, porque o Goberno do PP xa demostrou que é incapaz de resolver un só conflito industrial neste país”.