O Grupo Común da Esquerda esixe á Xunta que cubra a praza de médico en Valeixe

A veciñanza leva dous meses sen doutor pola decisión do SERGAS de non cubrir a praza tras unha xubilación
Publicado por o día 10/01/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Grupo Común da Esquerda esixe á Xunta que cubra a praza de médico en Valeixe

O Grupo Común da Esquerda apoia a manifestación que a veciñanza de Valeixe, na Cañiza, levará a cabo mañá ante a decisión por parte do SERGAS de non cubrir por agora a praza do persoal que se ten xubilado, o cal supuxo que o Centro de Saúde leve dous meses sen médico. “É unha situación insostible que atenta contra o dereito básico á saúde destes veciños e veciñas”, denunciou Eva Solla.

“É incomprensible como se pode ter máis de dous meses sen atención médica a unha poboación de máis de 700 persoas á que se suma unha residencia de maiores con máis de 170 residentes”, continuou a deputada. A alternativa ofrecida pola Xunta foi o traslado das consultas ao PAC da Cañiza, “un parche que evidentemente non resolve nada e que ademais supuxo durante todo este tempo desprazamentos en taxi de entre 14 e 18 euros para poder moverse dun punto a outro, porque non existe transporte público”, segundo explicou tamén Solla.

A esta problemática hai que engadir tamén a derivada demora á hora de poder continuar cos tratamentos, xa que hai espera tamén para proporcionar receitas médicas aos tratamentos que teñen prescritos os veciños e veciñas de Valeixe, con demoras de ata unha semana para conceder as citas médicas. Desde o día 2 de xaneiro, o SERGAS puxo un profesional sanitario atendendo o centro durante só dúas horas diarias, o cal Eva Solla cualificou de “absolutamente insuficiente”. “Esta semana, o persoal tivo que atender ata 40 citas en dúas horas para atender consultas e receitas, o cal loxicamente impide que poida acudir aos domicilios das persoas enfermas”, engadiu a deputada.

O Grupo Común da Esquerda considera esta situación como unha discriminación absoluta cara esta poboación e esíxelle á Xunta de Galicia, a través de iniciativas xa rexistradas no Parlamento, que cubra inmediatamente esta praza de médico para garantir o dereito da veciñanza de Valeixe á asistencia sanitaria.

Comentar noticia

Your email address will not be published.