O Grupo Común da Esquerda vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para esixir solucións inmediatas da Xunta para unha familia viguesa en risco de desafiuzamento. O voceiro Antón Sánchez participou este venres nunha concentración de apoio a esta familia, unha parella con dúas fillas de 7 e 13 anos, que cobra unha RISGA como único ingreso e está ante a posibilidade de ser despexada da súa vivenda a próxima semana.
Antón Sánchez denunciou que é “un escándalo” a resposta que obteron de ambas administracións cando foron pedir alternativas habitacionais. O Concello ofrécelles unha axuda ao aluguer por 3 meses se atopan unha vivenda, algo case imposible nas condicións nas que se encontran. Mentres, a Xunta dilles que vaian a unha vivenda libre en Salvaterra de Miño ou a unha vivenda pública en Vila de Cruces, a máis de 100 quilómetros. “Non é unha excepción porque en Vigo as persoas con problemas de desafiuzamentos non teñen alternativa habitacional na cidade, porque nin a Xunta nin o Concello fan unha política de vivenda pública que sirva para atender as necesidades da cidadanía”, lamentou Sánchez.
O voceiro do Grupo Común da Esquerda criticou ademais que “se lles quitamos o circo político e mediático a Feijóo e a Abel Caballero, no fundamental están dacordo. Na política de vivenda os dous sirven aos especuladores aínda que teñan que pasar por riba dos dereitos da xente. Nin a Xunta nin o Concello lle dan solución a unha situación dramática dunha familia unha vez máis”.
Así, incidiu na necesidade de que a Xunta mude as súas políticas, lembrando que hai un rexistro no que figuran 14 mil demandantes de vivenda de protección pública e o Goberno do PP só concedeu catro axudas en 2017 e dúas en 2018. Ante estes datos, Sánchez xa reclamou en varias ocasións a dimisión da Conselleira de Vivenda “para asumir as responsabilidades do fiasco das súas políticas”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.