O Grupo Común da Esquerda estudará as posibles incompatibilidades na fichaxe de Bea Mato por Greenalia

A exconselleira non consta polo de agora entre as resolucións de recoñecemento do exercicio de actividade privada para altos cargos
Publicado por o día 12/02/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Grupo Común da Esquerda estudará as posibles incompatibilidades na fichaxe de Bea Mato por Greenalia

Nos últimos días coñeceuse a nova de que a exconselleira de medio ambiente do Partido Popular Beatriz Mato será a directora de Desenvolvemento Corporativo de Greenalia, unha das empresas responsables da eucaliptización de Galicia, cargo ao que accede tan só dous meses despois de anunciar a súa retirada da política. O Grupo Común da Esquerda estudará as posibles incompatibilidades que isto supón a nivel legal.

Polo de agora, Beatriz Mato non figura no rexistro da Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas, onde tería que ter presentado a preceptiva declaración previa, nin na listaxe de resolucións de recoñecemento do exercicio de actividade privada logo do cesamento de altos cargos da Dirección Xeral de Función Pública. Por este motivo, o Grupo Común da Esquerda analizará se a exconselleira fixo entrega da declaración pertinente con carácter previo ao inicio da actividade no sector privado, xa que, de non ser así, estaría a incorrer nunha grave vulneración da Lei 1/2016 de Transparencia e Bo Goberno.

Os deputados e deputadas agardan obter nos próximos días a información necesaria para aclarar esta cuestión. De confirmarse o caso de incompatibilidade, non resultaría sorprendente, xa que o Partido Popular ten afeita á cidadanía ás súas prácticas corruptas e a que os seus altos cargos entren en Consellos de Administración polas portas xiratorias tras deixaren a política.

Comentar noticia

Your email address will not be published.