O Grupo Común da Esquerda insta a “moderar o optimismo” sobre a negociación das cotas de pesca na UE

Publicado por o día 18/12/2019 na sección de Galicia,Grupo Común da Esquerda,Mar,Política

O Grupo Común da Esquerda insta a “moderar o optimismo” sobre a negociación das cotas de pesca na UE

Ante as novas coñecidas esta mañá ao respecto da negociación das cotas de pesca na UE, o Grupo Común da Esquerda salienta a necesidade de moderar o optimismo co que son recibidas tanto por parte Xunta como por parte do Ministerio.

Os datos coñecidos na mellora das cotas do xurel na zona IV, ou da xarda, non son máis que a plasmación dos informes técnicos do ICES, que xa recoñecían esta realidade moito antes das negociacións. “Por iso lamentamos que a conselleira amose como vitoria o que non é nada máis que plasmar o que dicían os informes, sendo polo tanto a súa acción neste sentido absolutamente intranscendente e incapaz de acadar nada a maiores do que xa se coñecía de antemán”, manifestou Xan Xove. “Non é de recibo aproveitar politicamente as correccións técnicas previsibles publicitándoas como froito da acción política”, engadiu o deputado.

Ademais, aínda resta a segunda parte deste reparto, que é o reparto interno entre zonas e dentro dos propios estados. Nesta liña, o Grupo Común da Esquerda amosa a súa preocupación polo reparto interno das cotas, agardando que a Xunta faga o seu traballo e revirta a discriminación histórica de Galicia neste reparto interno. Por outra banda, Xan Xove apuntou que as cotas acadadas “distan moito das necesarias para satisfacer as necesidades da nosa frota, polo que esperamos que aínda se poidan mellorar en base a intercambios con outros países, como acaba de conseguir Portugal co atún vermello”.

Así mesmo, desde o Grupo Común da Esquerda amósase preocupación polo aumento da compravenda de dereitos de pesca entre zonas, o que crea graves distorsións nas posibilidades pesqueiras instaurando un sistema de intermediación e de xestión paralelo desa propia cota.

Comentar noticia

Your email address will not be published.