O Grupo Común da Esquerda insta a Xunta a actuar ante a discriminación do Campus de Ourense

Ánxeles Cuña denunciou que dos 16 novos graos creados no Mapa de titulacións para o quinquenio 2017-2021, ningún se implantase nesta cidade
Publicado por o día 28/01/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Grupo Común da Esquerda insta a Xunta a actuar ante a discriminación do Campus de Ourense

Esta tarde, o Grupo Común da Esquerda presentou no Parlamento unha iniciativa en defensa do mapa de titulacións do Campus de Ourense, encamiñada a denunciar o trato discriminatorio cara este Campus na planificación universitaria, nomeadamente tras o acordo para a creación de 16 novas titulacións repartidas entre varios campus galegos no quinquenio 2017-2021, pero ningunha no de Ourense.

“O balance é moi negativo: o grao interuniversitario entre Ferrol e Ourense segue sen implantarse e a simultaneidade de estudos entre Informática e ADE en Ourense, que tiña un itinerario único en Galicia, foi retirada da oferta de prazas para o actual curso académico”, lamentou Ánxeles Cuña na defensa da iniciativa. Esta última decisión foi tomada de xeito unilateral pola Xunta de Galicia sen que se dese ningún dos dous supostos contemplados na Lei para a redución de prazas: o exceso de oferta e o baixo número de graduados. Despois, anunciouse que a USC ofertaría o Grao en Empresa e Tecnoloxía, cun currículo semellante ao deste Duplo Grao suprimido en Ourense, na Facultade de ADE de Lugo, “curiosamente, onde ten praza de profesor o titular da Secretaría Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro”, tal como denunciou Cuña.

A isto hai que sumar a modificación por parte da Consellería de Educación da proposta de Mestrado en Enxeñería Aeronáutica, abrindo a porta a que sexa tamén interuniversitario, facéndoo tamén en Vigo e na Coruña, e mais a confirmación da perda de exclusividade do Grao en Turismo, que antes só estaba en Ourense e agora se poderá cursar tamén na Coruña. Ánxeles Cuña lembrou que isto vulnera a Lei do SUG, que establece que se debe evitar a reiteración de titulacións.

Por outra banda, a deputada do Grupo Común da Esquerda lembrou que o TSXG e o TS xa se pronunciaron sobre a ilegalidade dos informes desfavorables elaborados pola Axencia de Calidade do SUG sobre o Grao de Enxeñería Física de Ourense, que Cuña cualificou como “unha tremenda vergoña”. “A discriminación é xa histórica, e vén sendo combatida pola sociedade ourensá ao longo de máis de 25 anos da man da Plataforma Pro Campus de Ourense, única destas características en Galicia”, apuntou a deputada. “É xusto facer unha mención a Etelvino Blanco, que nos deixou hai seis meses e deixou unha pegada social e sindical inesquecible, e foi tamén baluarte da Plataforma Pro Campus de Ourense”, engadiu.

A proposta do Grupo Común da Esquerda, que se votará na sesión de mañá pero sobre a que o Partido Popular xa manifestou a súa intención de votar en contra, propuña fortalecer o Campus de Ourense con novas titulacións, restituír a simultaneidade de estudos en Informática e ADE, cesar o secretario xeral de Universidades, blindar o Grao en Enxeñería Aeroespacial e o Mestrado en Enxeñería Aeronáutica e restituír o Grao en Enxeñería Física.

Comentar noticia

Your email address will not be published.