O Grupo Común da Esquerda abstívose este venres na votación do ditame da Comisión de Igualdade e lamentou a falta de ambición que supón no avance na loita contra as violencias machistas. A deputada Paula Quinteiro afirmou que “concordamos coas recomendacións que se expoñen neste ditame, pero son insuficientes e non se traducen en actuacións concretas”.
Paula Quinteiro engadiu que “é un primeiro paso necesario e positivo, pero o máis importante vén agora. Temos que facer a avaliación da lei galega, que non está feita por completo, e poñer as medidas que dende os grupos parlamentarios consideramos imprescindibles para loitar contra as violencias machistas”.
Ademais, a deputada sinalou que “temos a man tendida para traballar no futuro pacto galego, no que agardamos que haxa acordo, pero tamén queremos recordar que para nós é fundamental que estes acordos vaian acompañados dun compromiso orzamentario real. Sen orzamentos non hai nada que falar e todo quedará en papel mollado”. Por último, advertiu que “tamén é fundamental que cada medida vaia acompañada dunha calendarización concreta porque xa levamos moitos anos de retraso na aplicación da actual lei”.
Noticias de última hora en Vigo