O Grupo Común da Esquerda presenta ‘Dez chaves para unha Lei Galega de Educación’

O documento será obxecto de debate con toda a comunidade educativa e cos axentes sociais para acordar unha Lei de Educación autonómica.
Publicado por o día 24/01/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Grupo Común da Esquerda presenta ‘Dez chaves para unha Lei Galega de Educación’

O Grupo Común da Esquerda presentou este venres o documento ‘Dez chaves para unha Lei Galega de Educación’. O texto foi proposto como base para un debate que desemboque nunha lei educativa autonómica, como a que xa existe noutras comunidades do Estado.

A voceira do Grupo, Luca Chao, defendeu xunto coa deputada Ánxeles Cuña a necesidade de artellar unha Lei Galega de Educación que conte co apoio dos profesionais do ensino, dos sindicatos, das ANPAS, e do resto de formacións políticas con representación na Cámara.

A finalidade da súa proposta é acordar unha normativa que consolide o dereito fundamental a un ensino público, gratuíto, inclusivo e de calidade, no que todos os alumnos e alumnas gocen das mesmas oportunidades con independencia de cal sexa a súa situación económica, social ou persoal.

As deputadas defenderon a pertinencia da iniciativa atendendo á “inminente derrogación da LOMCE”, ao “desmantelamento do ensino público perpetrado por Feijóo” e á “ofensiva ultra da extrema dereita”, cuestións que esixen “definir claramente a escola que queremos”.

O texto presenta 150 medidas nas que se reivindica o dereito a unha educación integral que contribúa ao pleno desenvolvemento das persoas. O Grupo Común da Esquerda demanda no seu documento que se garanta o dereito á educación ao longo da vida; que se incorpore de maneira transversal a educación feminista en tódalas etapas educativas; que se universalice a educación infantil pública e gratuíta de 0 a 3 anos; que se incremente o número de profesionais que atenden as necesidades específicas de apoio educativo; e que se recoñeza e reivindique a singularidade e relevancia das escolas rurais galegas, entre outras cuestións.

As deputadas do Grupo Común da Esquerda comezan agora unha rolda de contactos cos diferentes colectivos que participan na educación para completar e mellorar a súa proposta. Máis adiante, debaterán as súas conclusións co resto de forzas políticas co obxecto de lograr un consenso amplo en materia de educación.