O Grupo Común da Esquerda presenta un documento de balance da década perdida de Feijóo

Luca Chao: “a xente non pode volver soportar outros catro anos sen políticas públicas que combatan a precariedade e a desigualdade”
Publicado por o día 04/11/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Grupo Común da Esquerda presenta un documento de balance da década perdida de Feijóo

Esta mañá o Grupo Común da Esquerda presentou en rolda de prensa un documento de balance da década de Goberno Feijóo. “É momento de facer balance, porque chega á súa fin esta lexislatura e porque vai ser a última de Feijóo como presidente”, expuxo Manuel Lago. “Son dez anos que nos deixan un país máis desigual, con menos emprego, menos investimento en servizos públicos e máis débeda”, resumiu Luca Chao.

Ambos voceiros fixeron unha exposición pormenorizada do documento, elaborado usando como base datos oficiais do IGE, o INE e a EPA, a Axencia Tributaria, o Banco de España ou o Ministerio de Facenda. “Falamos de década perdida porque, no mellor dos casos, estamos igual que en 2009, pero na maioría das variables e nas máis importantes imos a peor”, comezou Luca Chao. “Presentamos hoxe este documento porque parece bastante plausible que as eleccións do vindeiro domingo vaian ser en certa medida tamén o pistoletazo de saída a unha precampaña longa na que se decidirá o futuro Goberno galego, a fin do Goberno de Feijóo”, engadiu.

O Grupo Común da Esquerda considera que os datos que este informe amosa son o principal motivo para traballar nunha alternativa política a Feijóo. “A xente non pode volver soportar outros catro anos sen un proxecto de país claro, sen políticas públicas que combatan a precariedade e a desigualdade. Isto é especialmente relevante nun momento de desaceleración económica no que imos ter que decidir se volven ser as e os de abaixo os que paguen as consecuencias ou se pola contra van ser os de arriba dunha vez por todas”, manifestou Luca Chao.

A voceira comezou facendo balance dos recortes nos servizos públicos: “Feijóo pasará á Historia por ser o único presidente que recortou o gasto público e por aumentar a débeda tres veces máis que os cinco presidentes anteriores en 27 anos”, sentenciou. “Feijóo é o campión da austeridade, o presidente que antes empezou a recortar e o que o fixo con maior dureza. O resultado foi un grave deterioro na calidade dos servizos públicos do que tardaremos décadas en recuperarnos. Entre 2009 e 2017 o goberno Feijóo recortou o gasto non financeiro en 2.553 millóns de euros en termos reais, é dicir, tendo en conta a inflación. É unha cifra tan desmesurada que ata é difícil de entender, un recorte brutal, dramático, do 22% do gasto realizado en 2009”, agregou. O documento recolle unha caída de 4,4 puntos no peso do gasto público no PIB entre 2009 e 2017, coincidindo cun período de suposta recuperación económica. “Isto significa que os recortes do gasto non se deben a unha menor riqueza, senón á menor porcentaxe da mesma xestionada pola Xunta”, sintetizou Chao.

As críticas da deputada tamén se centraron no feito de que aqueles servizos públicos que sufriron os recortes de forma especialmente intensa fosen precisamente os máis fundamentais e os que teñen unha maior incidencia na vida da cidadanía: a educación, con 484 millóns de euros recortados entre 2009 e 2017, e a sanidade, con 380 millóns. “Sumados, son case 900 millóns de euros menos para financiar os dous piares base do Estado de Benestar”, destacou. Lembrou tamén que os recortes máis duros se produciron nas dúas áreas máis golpeadas pola crise, emprego e vivenda, un 58% e un 68% respectivamente.

“A única partida de gasto que medrou de forma significativa foi o servizo da débeda, isto é, o pago de xuros aos bancos e a amortización de préstamos concedidos polas entidades financeiras, que se incrementou no 400%. Esta é a estabilidade da que presume Feijóo, a de que con el no Goberno a Banca sempre gaña”, analizou Luca Chao. “É impagable, e non o dicimos nós, dío o Consello de Contas: en marzo de 2009 a débeda pública galega era de 3.923 millóns de euros. Agora, segundo os datos de marzo deste ano, é de 11.587 millóns. A pregunta parece evidente: como é posible que aumentase a débeda a este nivel cando o gasto público se reduciu dun xeito tan brutal? A resposta temos que buscala nas rebaixas fiscais aos que máis teñen, nas desfiscalizacións das rendas altas e dos beneficios empresariais. Urxe abordar unha política fiscal de verdadeira redistribución”, agregou.

Manuel Lago centrouse nos datos de emprego e industria, que se demostran tamén dramáticos, xa que foron 54.000 os postos de traballo perdidos nesta década, o que converte a Feijóo no único presidente que deixará a presidencia con menos emprego do que había cando a colleu. “Se nalgunha área o fracaso de Feijóo é subliñable é no emprego, a principal preocupacion da cidadanía. É certo que houbo unha recesión, pero tamén é certo que Galicia é a Comunidade Autónoma con peores datos de evolución do emprego de todo o Estado”, salientou.

Lago tamén fixo fincapé en que non foi a época de transición entre Touriño e Feijóo na que se perderon máis postos de traballo, senón entre 2012 e 2013: “o ‘Bienio Negro’ foi cando Feijóo xa levaba tres anos gobernando. 83.000 empregos perdidos neses anos, os da Reforma Laboral, e nos que había maioría absoluta do PP en Galicia e no Estado”. Referiuse tamén en especial ao emprego industrial, no que se perderon 22.000 postos de traballo; en concreto, un de cada tres empregos industriais perdidos no Estado foron nunha empresa situada en Galicia. O voceiro do Grupo Común da Esquerda destacou que estes datos amosan “a incapacidade do Goberno galego para atraer investimento”, cuestión que evidencian os datos: Galicia só atraeu o 0,1% do investimento estranxeiro do Estado en 2018, é dicir, 50 veces menos investimento que o peso que ten na economía española.

Manuel Lago rematou analizando a participación dos salarios na renda do PIB, que se reduciu en seis puntos, o que implica 3.500 millóns de euros menos cada ano destinados aos salarios, e que pasarían a destinarse a recompoñer a taxa de beneficio empresarial. “En Galicia durante a crise xeneralizáronse o mileurismo e o traballo pobre: persoas que se levantan cada día para ir traballar pero non poden vivir do seu salario. A metade dos asalariados galegos non chegan aos 1.000 euros netos mensuais, ese é o resultado que nos deixa esta década negra. Imos tardar moito en recuperarnos dela, pero afortunadamente esa recuperación comezará o ano que vén cando Feijóo abandone a Xunta”, finalizou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.