O Grupo Común da Esquerda propón uns Orzamentos expansivos para combater a desigualdade e a precariedade

Manuel Lago: “o modelo do PP de reducir impostos e recortar o gasto público sempre beneficia aos máis ricos e prexudica aos traballadores”
Publicado por o día 18/11/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Grupo Común da Esquerda propón uns Orzamentos expansivos para combater a desigualdade e a precariedade

O Grupo Común da Esquerda presentou esta mañá no debate orzamentario unha emenda á totalidade aos Orzamentos da Xunta para 2020, de cara a formular un presuposto expansivo que se corresponda co crecemento do PIB e que blinde os servizos públicos ante a posible chegada dunha nova recesión económica. “Non compartimos a crítica doutros grupos que estes Orzamentos son electoralistas. Non son electoralistas porque non dan para ilusionar a ninguén, son directamente malos”, manifestou Manuel Lago na súa intervención.

“Os Orzamentos son malos porque non serven para enfrontarse ao cambio de ciclo da economía, porque seguen a senda das rebaixas fiscais para os máis ricos afectando negativamente á suficiencia e á equidade do sistema fiscal, porque dan continuidade á estratexia neoliberal de reducir o peso do público na economía, porque non inclúen medidas para solucionar o grave problema industrial que estamos sufrindo e porque non dan resposta aos problemas da desigualdade, da precariedade e da pobreza”, continuou Lago, quen expuxo no Pleno a emenda á totalidade do Grupo Común da Esquerda. “É mentira cando se di que este Orzamento é expansivo, porque medra menos que o PIB nominal. Ademais, nesta Cámara preténdese agochar os recortes no gasto público utilizando unha vulgar trampa: comparar os datos de diferentes períodos sen ter en conta a evolución dos prezos. Un truco burdo, inaceptable nun debate económico serio”, criticou o deputado. “Non é certo que o orzamento de gasto non financeiro de 2020 se aproxime xa ao de 2009. Non o é. En termos nominais aínda estamos 395 millóns de euros por debaixo, pero en termos reais, cando se ten en conta a inflación, estamos a unha diferenza enorme: aínda faltan 1.958 millóns de euros para recuperar o nivel previo á recesión”, agregou.

A emenda, que contemplaba comezar en 2020 un camiño gradual a catro anos vista de reestruturación da estratexia orzamentaria, propoñía un incremento do gasto de 560 millóns de euros para destinar aos servizos públicos, e que farían tamén necesaria unha alternativa diferente de ingresos. Ese modelo incluiría un incremento dos recursos procedentes do Estado, actuando sobre o sistema de financiamento autonómico e tamén sobre os instrumentos para o reequilibrio territorial; un paquete de medidas fiscais co obxectivo de incrementar a recadación, actuando sobre as figuras tributarias que xa existen e creando outras novas (imposto sobre o dano ambiental, sobre grandes superficies comerciais e sobre grandes propietarios de vivendas baleiras); unha minoración selectiva e ponderada do actual nivel de beneficios, bonificacións e exencións fiscais, e un Plan reforzado de inspección e loita contra a fraude fiscal.

“Fronte á resignación, os recortes e o axuste permanente, nós dicimos que estamos no momento de reorientar a estratexia orzamentaria, porque 2020 é o sexto ano consecutivo de crecemento do PIB desde que en 2014 cambiou a fase do ciclo económico”, expuxo Manuel Lago. “O modelo do PP de reducir impostos e recortar o gasto público sempre beneficia aos máis ricos e prexudica aos traballadores”, engadiu. O balance da década de Goberno Feijóo, é, de feito, de 26.000 millóns de euros acumulados de recortes. “Como sería Galicia con eses 26.000 millóns de euros investidos na sanidade, no ensino, na política industrial, no rural, no medio ambiente, na cultura, na igualdade, na pesca, na política social…? Esta década de austeridade e recortes supón un retroceso enorme do que tardaremos décadas en recuperarnos”, lamentou o voceiro do Grupo Común da Esquerda.

Neste sentido, Manuel Lago lanzou tamén unha pregunta ao Pleno: “por que se desde 2017 o nivel de riqueza producida –o PIB— xa está por riba do que había antes da recesión, dispoñemos de menos recursos para a xestión publica?”. “A resposta é sinxela”, continuou: “porque se desfiscalizaron as rendas de capital, os beneficios empresariais e os grandes patrimonios. Esta deserción fiscal dos ricos reduciu os ingresos públicos e desequilibrou o reparto da carga fiscal. O Orzamento que presentan hoxe é o mellor exemplo desta práctica desfiscalizadora, porque a elevación do mínimo exento no imposto de sucesións de 400.000 a 1.000.000 de euros é unha medida que beneficia a unha ínfima minoría pero ten consecuencias negativas para a maioría social”. “É xusto, social e fiscalmente,  que unha persoa, filla dunha parella en réxime de gananciais, que herde  2.000.000 de euros pague o mesmo que outra que herda 15.000 euros? Un constitucionalista pode defender que esta forma de tributar cumpre cos principios constitucionais de igualdade e progresividade do sistema fiscal? Vivimos nun Estado no que hai demasiados constitucionalistas a tempo parcial, que só coñecen un artigo”, engadiu. Manuel Lago tamén manifestou estar “preocupado” por ver ao PP “colocarse nas posicións fiscais reaccionarias da extrema dereita, para situarse ao lado dos socios cos que poden pactar esa fiscalidade”.

O voceiro do Grupo Común da Esquerda criticou, ademais do modelo desfiscalizador, o aumento continuo da débeda, que supón destinar cada ano máis recursos ao seu pago: o 14% destes Orzamentos fronte ao 3% dos de 2009. A débeda per cápita aumentou, de feito, en 3.100 euros desde a chegada de Feijóo ao Goberno. Tamén apuntou cara ás estimacións de ingreso sistematicamente feitas á baixa para xustificar as políticas de austeridade: “unha estimación máis rigorosa e precisa dos ingresos incrementaría de forma sensible os recursos dispoñibles para financiar políticas de gasto mais ambiciosas”, manifestou. Finalmente, Manuel Lago rematou a súa intervención coa expresión dun desexo: “que este sexa o último Orzamento dun Goberno da dereita en Galicia, porque a onda de cambio no Estado tamén chegará ao noso pais e en 2020 haberá un Goberno da esquerda que deixe só como triste recordo esta década negra de goberno de Feijóo”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.