O Grupo Común da Esquerda reclama que a Xunta cubra as vacantes e dote de estabilidade o persoal de enfermaría para acabar coa precariedade

A deputada Eva Solla tamén esixiu transparencia cos datos e pediu a publicación desglosada da situación laboral na que se atopan as e os profesionais do Sergas.
Publicado por o día 04/09/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Grupo Común da Esquerda reclama que a Xunta cubra as vacantes e dote de estabilidade o persoal de enfermaría para acabar coa precariedade

O  Grupo Común da Esquerda reclamou este mércores, a través dunha PNL rexeitada polo PP, que a Xunta cubra as prazas vacantes e dote de estabilidade o persoal de enfermaría do Sergas ante a situación de precariedade laboral na que se atopa este colectivo. A deputada Eva Solla, impulsora da iniciativa, denunciou que tras dez anos de recortes “o problema adquire unhas dimensións complexas para solucionalo”. Así, indicou que o Goberno do Estado debe suprimir as actuais taxas de reposición, pero “cando gobernaba o PP, na Xunta aplaudían coas orellas o mantemento destas taxas”.

Do mesmo xeito, Eva Solla afeou que “aquí debían vir o conselleiro de Sanidade e sobre todo o presidente da Xunta, que mentiu na Cámara, a pedir desculpas aos profesionais”. Solla citou que o informe do Consello de Contas sinala que houbo un aumento da temporalidade do 40% en hospitais e do 28% en Atención Primaria, de maneira que só teñen praza un 62% dos efectivos. “Queremos que se cubra o 100% das prazas, que depende do ministerio, pero a consellería ningún ano orzamentou as prazas necesarias. Non existe compromiso por parte da Xunta de dotar de estabilidade ao sistema de saúde público”, criticou, e engadiu que “hai que cubrir as prazas, e é evidente que tamén hai que aumentar a ratio persoal/paciente para igualar a media europea”.

A deputada do Grupo Común da Esquerda solicitou ademais que se publiquen de maneira desglosada os datos, diferenciando o persoal fixo e temporal. “Esiximos transparencia porque ata agora só houbo opacidade”, sinalou, porque “xa está ben de trasladar cousas que non son reais, hai que asumir que hai un problema”.

Eva Solla lembrou ademais que “á hora de facer os orzamentos, os grupos da oposición sempre presentamos emendas e sempre foron rexeitadas de plano. Non sei que contas van presentar agora que temos ano electoral, pero a única solución pasa pola estabilidade do emprego. Cando esta exista, haberá profesionais traballando en mellores condicións, e polo tanto, servizos con máis calidade. As OPES dos últimos anos son absolutamente rácanas. É hora de que rectifiquen, pidan desculpas, publiquen os datos e estabilicen o emprego”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.