O Grupo Común da Esquerda reclama un modelo sostible para o Xacobeo 2020

“Cómpre evitar o impacto masivo do turismo e a creación de emprego que non se estabilice no tempo”, manifestou Ánxeles Cuña.
Publicado por o día 10/09/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Grupo Común da Esquerda reclama un modelo sostible para o Xacobeo 2020

A deputada do Grupo Común da Esquerda Ánxeles Cuña reclamou esta mañá no Parlamento que se siga “un modelo de turismo sostible e desestacionalizado” de cara ao Xacobeo 2020.

Cuña criticou que o Goberno galego priorice a mercantilización do Camiño de Santiago e insistiu en que o Plan Estratéxico para o Xacobeo se basee na “protección da riqueza cultural, paisaxística e medioambiental de Galicia”, impulsando estratexias multifuncionais a prol dunha conservación activa do patrimonio. A parlamentaria tamén expresou a súa satisfacción pola incorporación no Plan dalgunhas das suxestións realizadas por Compostela Aberta, relacionadas coa desestacionalización e a descentralización, para “garantir emprego estable e de calidade”.

“Cómpre evitar o impacto masivo do turismo e a creación de emprego exclusivamente para o propio ano Xacobeo, que despois non se estabilice no tempo”, expuxo a deputada do Grupo Común da Esquerda. “O turismo pode ser un ben para este país, para o rural e para moitos sectores económicos, pero temos que entender tamén que a masificación é un problema”, engadiu.

En relación co establecemento dun modelo sostible para o Xacobeo, Ánxeles Cuña lembrou tamén que “o impacto visual, sonoro e ambiental” que suporía a Mina de Touro podería implicar que o Camiño Francés perdese a súa categoría de Patrimonio da Humanidade. Así mesmo, na súa intervención a deputada reclamou a “derrogación inmediata” da ‘Lei dos tres R’s’ por “ser un atentado contra a Lei de Patrimonio Histórico de Galicia e contra as directrices europeas en relación ao medio ambiente e á conservación do Patrimonio”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.