O Edificio Administrativo do Sergas en San Lázaro acolleu hoxe o acto de presentación do documento estratéxico e de xestión elaborado por 16 expertos en atención primaria independentes titulado: “Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde”, no que se propón unha profunda transformación da atención primaria, deixando o papel de porta da entrada ao sistema sanitario para ser o eixo vertebrador do mesmo.
No acto de hoxe, o conselleiro de Sanidade, Jesus Vázquez Almuiña, sinalou que o documento é o resultado dun dos acordos asinados no pasado mes de marzo entre as sociedades científicas de atención primaria en Galicia (Semergen, Semg e Agamfec), o Consello Galego de Colexios Médicos e o Sergas.
Almuiña remarcou que o traballo desenvolvido por este grupo de expertos é perfectamente complementario co levado a cabo para a elaboración do Plan de Atención Primaria 2019-2021, e o que se está a liderar dende o Consello Técnico de Atención Primaria.
O conselleiro amosouse convencido que o desenvolvemento do sistema sanitario e da atención primaria en concreto, “so se pode conseguir coa colaboración e participación de todos”.
O Sergas traballa a diario, -proseguíu Almuiña-, para que o sistema sanitario non so manteña o seu alto nivel de servizo ás persoas, senón en garantir a súa mellora, “o que será posible se contamos cunha atención primaria potente e resolutiva”.
Incidiu, así mesmo, no feito de que Galicia apostara pola búsqueda activa de solucións para reformular a atención primaria e “progresivamente imos conseguindo os obxectivos marcados”, pero queremos seguir avanzando e sumando propostas, por iso é importante este documento, “porque non so inflúe na organización primaria, senón, en todas as políticas sociais”.
Tamén sinalou que o acto de hoxe é unha etapa máis, importante sen dúbida, “dun proceso complexo, transparente e participativo”, que xa presenta resultados pero que non se vai deter aí.
Principios e medidas
O documento realizado polo grupo de expertos concibe, para a súa implementación, tres velocidades, curto, medio e longo prazo. Unhas medidas urxentes para realizar os vindeiros 6 meses; unhas liñas a desenvolver a medio prazo, nos vindeiros dous anos; e outras liñas a longo prazo, para levar a cabo nos próximos catro anos.
Segundo se recolle no documento, trátase de reorientar o sistema de saúde cara a unha cuádruple meta: mellorar a saúde poboacional así como a calidade e a experiencia do paciente; e incrementar a eficiencia e a satisfacción dos profesionais.
Os principios guia da estratexia proposta polos 16 expertos son o fortalecemento dos valores do sistema público de saúde como a proximidade e a accesibilidade; a vertebración do sistema de saúde en atención primaria; e a organización dun sistema local integrado de saúde para que o paciente sexa atendido no lugar adecuado en cada momento. Tamén son principios fundamentais do documento fortalecer a equidade e o papel do paciente; promover a autonomía local para decidir, innovar e xestionar recursos humanos a nivel local; permitir novas asignacións de funcións entre profesionais, e, ademais, asegurar a suficiencia económica e a viabilidade normativa.
Entre as medidas urxentes que propón o documento están mellorar as condicións de traballo e acceso dos postos asistenciais; correxir a sobredemanda nalgúns centros de saúde; configurar as funcións dos profesionais sanitarios responsables dos servizos de primaria; ou sentar as bases da realización dos plans locais de saúde. Tamén propón, entre outras medidas urxentes, elaborar un plan de relevo xeracional de profesionais a nivel de cada área sanitaria; estandarizar os procesos asistenciais incluídas as probas complementarias, e potenciar as competencias do persoal de enfermería. Igualmente, o documento propón, entre as medidas urxentes, reforzar a actividade formativa e investigadora en atención primaria e desenvolver un proxecto xeral dirixido á cidadanía.
Entre as medidas a medio prazo están ampliar a carteira de servizos nos centros de saúde; potenciar as prácticas clínicas de valor ou crear un foro de centros de saúde para compartir experiencias.
A longo prazo establece a colaboración e integración entre os servizos de primaria e os servizos sociais de cada territorio.
Concordancia co Plan Galego de Primaria e cos traballos do Consello Técnico
O documento hoxe presentado polos expertos presenta puntos de concordancia co Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, aprobado polo Goberno autonómico o pasado mes de maio e dotado con máis de 102 millóns de euros. Entre eses puntos concordantes están a integración, baixo unha única gobernanza nunha área sanitaria, dos recursos de atención hospitalaria e primaria; ademais da proposta dunha dirección de atención primaria de área.
Tamén concorda o documento dos expertos co Plan de Primaria do Goberno galego en fortalecer o papel integrador e xestor do xefe de servizo e o papel do equipo multidisciplinar, así como en colocar ao paciente como eixo central da atención.
Outros puntos concordantes do documento dos expertos e do Plan do Goberno galego son o reforzo das competencias do persoal de enfermería; a implantación de procedementos de resolución da demanda non programada ou a estandarización dos procesos asistenciais.
Do mesmo xeito, existe unha importante coincidencia cos traballos que se están xa a desenvolver a través das comisións sectorais do Consello Técnico de Atención Primaria, como é a elaboración das carteiras de servizos das distintas categorías, promocionando o traballo multidisciplinar na atención primaria, ou as recomendacións para evitar accións sen valor terapéutico. Na propia creación do Consello Técnico recoñecíase que a atención primaria debería converterse no eixo vertebrador do sistema sanitario.
As sociedades científicas e o Consello Galego de Colexios Médicos propuxeron os nombres dos expertos e o documento hoxe presentado foi aprobado pola totalidade dos membros e establece o marco conceptual no que se debe situar a atención primaria en Galicia.
Integrantes do grupo de expertos
No acto de hoxe estiveron presentes os membros do grupo de expertos encabezados por Rafael Bengoa, que na actualidade é codirector do Institute for Health and Strategy e foi conselleiro de Sanidade do Goberno Vasco; e Jordi Varela, especialista en xestión clínica.
Os restantes expertos do grupo son; Benjamin Abarca, médico de familia na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte; Lorenzo Armenteros, tamén médico de familia na mesma área sanitaria; Mercedes Carreras, enfermeira e ex subdirectora de Calidade do Sergas; Ana Clavería; de Medicina Preventiva da área sanitaria de Vigo; Manuel Domínguez-Sardiña; médico de familia da área sanitaria de Vigo; Ángeles Dono, subdirectora de enfermería da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte; Sofía López, xefe de servizo da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte; Estrella López-Pardo, directora médica da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés; Xosé Luis Muiño; médico de familia da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco; Francisco Represas; especialista en enfermería familia e comunitaria da área sanitaria de Vigo; Francisco Rodríguez; enfermeiro da área sanitaria de Santiago e Barbanza; Juan José Sánchez, xefe de servizo da área de Santiago e Barbanza; e Teresa Valls, pediatra xubilada e ex presidenta de AGAPap.
Ao acto tamén asistiron os membros do Comité Técnico da Atención Primaria en Galicia, representantes dos colexios profesionais; das asociacións científicas, así como os equipos directivos das áreas sanitarias do Sergas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.