O Grupo Etnográfico ‘A Buxaina’, en colaboración co Centro Cultural e Recreativo de Coruxo (CRACC) organizan a XXXI ‘Homenaxe ao Gaiteiro’

O acto, que xa vén sendo na cidade una acontecemento anual de renome, terá lugar no teatro ‘A Fundación’, o día 16 de marzo ás 20:00 horas.
Por o 11/03/2019 | Sección: Cultura,Galicia,Vigo
O Grupo Etnográfico ‘A Buxaina’, en colaboración co Centro Cultural e Recreativo de Coruxo (CRACC) organizan a XXXI ‘Homenaxe ao Gaiteiro’

Desde o Grupo Etnográfico ‘A Buxaina’, en colaboración co Centro Cultural e Recreativo de Coruxo (CRACC), comprácenos un ano máis presentar a ‘Homenaxe ao Gaiteiro’, que acada xa a súa XXXI edición. O acto, que xa vén sendo na cidade una acontecemento anual de renome, terá lugar no teatro ‘A Fundación’, o día 16 de marzo ás 20:00 horas.

O obxectivo desde encontro é poñer en valor aquelas persoas que, de xeito altruísta, souberon conservar e transmitir a sabedoría do noso baile e música tradicionais. Trátase, xa que logo, de apreciar a quen soubo atesourar a identidade do noso pobo. Desta volta os homenaxeados serán, por unha banda Palmira Garrido Almuíña (1938), pandeireteira de Lira , Salvaterra e pola outra Jesús Sousa Matos (1948) e Manuel Sousa Matos (1944), bombeiro e tamborileiro dos Terribles de Donas.

Ademais desta homenaxe, contaremos coas actuacións dos grupos As Cantigas de Elena, proxecto que recompila melodías recollidas a Elena Alonso Pino (Toutón, 1 de xullo de 1928) por parte de María Vidal, Pichi Abollado e o seu neto, Pipo Alvariño; Pepe Vaamonde Grupo, banda de folc galego con máis de trece anos de vida e 200 concertos nos escenarios máis representativos de este estilo musical e O Fiadeiro, agrupación de baile e música tradicional con máis de 20 anos de experiencia. Nesta ocasión presentará o acto Marta Pérez, directora de Inversa Teatro, unha compañía especializada na creación de artes escénicas e de muller e na creación de personaxes ad hoc.

O acto celebrarase no auditorio do teatro A Fundación, na rúa Policarpo Sanz, en Vigo. As invitacións poderán recollerse no CRACC de Coruxo a partir do día 4 de marzo para os socios do centro, cunha entrada-donativo de 3 euros, e do día 9 para os non socios, cunha entradadonativo de 5 euros. As entradas poderán recollerse en horario de luns a venres de 20:00 a 22:00 horas e de 12:00 a 14:00 horas os sábados e domingos. Tamén poderán conseguirse á entrada do teatro media hora antes do acto.

Este ano volveremos contar cun autobús da empresa Vitrasa que sairá da rotonda da Xurela ás 18:45 horas cara ao teatro e regresará a Coruxo ás 22:30 horas. Deste xeito, a veciñanza de Coruxo contará cun servizo de transporte directo e gratuíto de ida e volta. Gustaríanos que tivesen en conta o noso acto na súa axenda cultural e agradeceriamos que compartisen a información, a fin de completar, un ano máis, o aforo do teatro.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.