O grupo municipal da Marea de Vigo alerta da situación da hostelería viguesa pola inacción da xenrencia de urbanismo ao non resolver as licenzas de actividade

Solicitará no pleno que a Declaración Responsable que xa opera nas licenzas de actividade permita tamén a instalación de terrazas, ante os problemas que están xerándose no sector hostaleiro nos últimos días como consecuencia do silencio administrativo do Concello e a incongruencia entre as solicitudes en diferentes ámbitos municipais.
Por o 29/05/2018 | Sección: Marea Vigo,Política
O grupo municipal da Marea de Vigo alerta da situación da hostelería viguesa pola inacción da xenrencia de urbanismo ao non resolver as licenzas de actividade

O grupo municipal da Marea de Vigo pedirá no Pleno a modificación da ordenanza de terrazas, modificación na que se pedirá que, segundo Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal, “de non contestarse a petición de licenza, o silencio administrativo deberá entenderse como positivo, como xa se fai nas licenzas urbanísticas que foron presentadas antes da anulación do PXOM”. Marea de Vigo solicitará no pleno que a Declaración Responsable que xa opera nas licenzas de actividade permita tamén a instalación de terrazas.

O sector da hostalaría na nosa cidade está en constante crecemento, precisa polo tanto de garantías tanto para as persoas que deciden crear un negocio como para o conxunto das traballadoras e traballadores que viven do sector, alén do feito de que, zonas antes degradadas coma o Casco Vello están revitalizándose grazas aos esforzos de moita xente. A situación debería xerar unha actitude ‘proactiva’ por parte da administración local, especialmente no tocante a resolver de xeito urxente as centos de solicitudes de licenza de apertura e actividade que se solicitan e que quedan nos despachos de urbanismo ou patrimonio sen resolver por motivos que teñen que ver máis coa falla de recursos humanos e vontade política que coa legalidade ou ilegalidade das licenzas.

Marea de Vigo cree que a situación é unha “carioca co rabo na boca”, xa que unha/un hostaleira/o pode solicitar a licenza de actividade e só con isto e o pago das taxas abrir o negocio en base á normativa legal. “O problema – subliña Rubén Pérez – é que para solicitar analogamente a licenza de ocupación da vía pública con terrazas precísase da resolución e obtención da licenza de actividade. Isto é absolutamente ridículo porque hoxe en día un negocio hostaleiro sen terraza está xeralmente abocado ao peche, non se pode entender a actividade hostaleira sen terrazas, especialmente no Casco Vello.”

O non resolver en prazos axeitados está equiparando a ocupación do espazo público perfectamente legalizable ao ilegalizable. Xera ademais unha situación de indefensión do sector ante denuncias lexítimas ou interesadas de veciños e veciñas, en todo caso fundamentadas e con base legal, pero que teñen un impacto brutal nunha actividade económica agora esencial na cidade de Vigo, polo tanto, o grupo municipal da Marea de Vigo considera que equiparar o criterio legal de “Declaración Responsable” que xa opera nas solicitudes de apertura e actividade e que permite abrir un negocio sen ter aínda outorgada a licenza pode ser adaptable ao caso da solicitude de ocupación de vía pública e terrazas.

Marea de Vigo tamén lembra que a Directiva Europea 2006/123/CE relativa á mellora dos servizos eliminou certas trabas que impedían a actividade económicamediante modificacións importantes na lexislación estatal e galega, como a Lei 17/2009, a Lei 25/2009, do 22 de decembro.Todas estas teñen modificado ademais aLei 30/1992, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común (artigos 39 bis, 43 e 71 bis) e a Lei 7/1985, de Bases doxime Local (artigos 70 bis.4 e 84), permitindo xa un réxime aberto no contexto do control das actividades de servizos no que ademais de outorgar carácter excepcional á autorización previa, introdúcese a Declaración Responsable e a Comunicación Previa como mecanismos máis proporcionados de control, así como a regra xeral do silencio administrativo positivo nos procedementos de previa autorización.

“O que non entendemos é como Vigo non adaptou aínda a súa ordenanza reguladora de terrazas á aprobación das normas anteriormente citadas para, mediante a súa modificación, introducir ou ben a vinculación administrativa da licenza de actividade/apertura coa de terrazas, ou ben que o réxime de Declaración Responsable tamén opere na ocupación de vía pública co propósito de axilizar ao máximo a implantación de actividades económicas no Concello Vigo” aclara Rubén Pérez, quen tamén considera que “se xa o Concello de Vigo tiña instaurado con carácter xeral o réxime da Declaración Responsable para o exercicio de calquera tipo de actividade, debería avanzar nesa liña nunha actividade complementaria como é a ocupación de vía pública con terrazas.”