O grupo municipal da Marea de Vigo pide a constitución dunha comisión de traballo sobre o novo PXOM

A formación segue cos seus actos veciñais explicativos, este venres na AVV de Vilar, pero considera que é o goberno local o que ten que asistir ás parroquias a dar conta dos traballos xa realizados.
Publicado por o día 31/05/2018 na sección de Marea Vigo,Política

O grupo municipal da Marea de Vigo pide a constitución dunha comisión de traballo sobre o novo PXOM

Marea de Vigo considera que é preciso artellar xa unha comisión de traballo na que participen todos os grupos municipais da corporación, posto que, e tras informar do asunto na xuntanza da Xerencia de Urbanismo que tivo lugar no día de hoxe, xa está remitida ao Diario Oficial da Unión Europea o anuncio de licitación da actualización da cartografía e da redacción da revisión do PXOM vixente do ano 93 e, polo tanto, xa está a decorrer o prazo para presentar ofertas até o próximo 13 de xullo. Esta comisión, entre as súas funcións, debería facer un seguimento dos traballos.

Para a Marea de Vigo, “o marco de redacción dun novo planeamento conta con cambios significativos, froito das novidades lexislativas. E son novidades que, ao ter que adaptarse o novo PXOM ás mesmas, condicionan que non poida rescatarse a globalidade do anterior Plan anulado, cuestión que, case á desesperada tratou de facer o goberno local a través de recursos e informes como o do catedrático Parejo” explica Rubén Pérez, baseándose na existencia da nova Lei do Solo, o regulamento que a acompaña, e propiamente a sentenza xudicial que tombou o PXOM do 2008, que viu cuestionar o seu método de aprobación en canto a avaliación ambiental estratéxica e o crecemento urbano.

Dende o momento no que se coñeceu a sentenza anulatoria do PXOM do 2008, o grupo municipal da Marea de Vigo insistiu na necesidade de formular unhas novas bases sobre as que elaborar un novo Plan, ao non ser válidas as anteriores, que, entre outros motivos, levaron á súa anulación. Trátase de traballar xa nun estudo económico financeiro, sociolóxico, de planeamento urbanístico e medio ambiental rigoroso que pre-configure os traballos de redacción dun PXOM acorde a realidade da cidade de Vigo, ao seu crecemento real, e especialmente sensible coa participación e opinión da cidadanía.

“A Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo ten asumido o proceso de redacción do novo PXOM como un mal menor, en vez dunha oportunidade para repensar colectivamente as bases do modelo de cidade completamente afastado do modelo caduco do 2008. – subliña Rubén Pérez – O feito de que recentemente quedara deserto o concurso para a redacción do novo PXOM de Vigo pon en evidencia que a redacción dun novo planeamento está condicionado por esas improvisacións legais (Lei de Proxectos Urbanísticos Urxentes e Ordenación Provisional) e amosa roxelo por parte das empresas redactoras técnicas en tentar rescatar o modelo do 2008, podendo xerar un longo proceso de alegacións e denuncias que ademais deben ser resoltas en 3 anos e medio, tempo máximo que a Xunta permite aos concellos que empreguen a fórmula da Ordenación Provisional”

A falta de coñecer que pasará coa redacción do novo Plan, Marea de Vigo segue recorrendo os barrios e parroquias de Vigo explicando a situación actual do urbanismo (máis de 30 actos dende que se coñeceu a anulación do PXOM), recollendo propostas para o novo borrador e situando no centro da súa proposta municipalista un modelo de cidade que pase, entre outras cousas, por crecementos demográficos e urbanos reais, que remate coa existencia de bolsas especulativas como a de Liñeiriños, defendendo a non degradación da superficie rústica de Vigo substituída por usos residenciais e sen zonas verdes que sexan de orixe natural, entre outras cuestións.

Marea de Vigo incide en que, iniciándose agora o proceso de redacción do novo PXOM, tamén é o momento de que volva o movemento veciñal e a sociedade civil organizada a tomar pulo na batalla pola participación democrática no planeamento urbanístico.