Marea de Vigo volve a denunciar a práctica de anunciar conxelacións ou incrementos de prezos públicos por debaixo do IPC en anos electorais, gardando os importes das subas que tiñan que realizarse nos mesmos para incorporalos nos anos seguintes

Marea de Vigo vén de rexistrar o documento que contén as súas emendas ás modificacións das ordenanzas fiscais propostas polo goberno local para o 2019.
Por o 23/08/2018 | Sección: Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo
Marea de Vigo volve a denunciar a práctica de anunciar conxelacións ou incrementos de prezos públicos por debaixo do IPC en anos electorais, gardando os importes das subas que tiñan que realizarse nos mesmos para incorporalos nos anos seguintes
Compartir en:

Unha das cuestións máis relevantes con respecto ás ordenanzas fiscais, e sen dúbida con máis impacto sobre a veciñanza é o subministro de auga e saneamento. “Calquera modificación que propuxéramos  para rebaixar os importes nas escalas de subministro de auga de uso doméstico ou non doméstico ou no saneamento para o 2019, chocaría coa realidade dunha ampliación de concesión a Aqualia que neste 2019 deberíamos xa denunciar para sacar un prego que elimine este sistema tarifario inxusto. Este foi ampliado 5 anos máis, non existindo a posibilidade de modificación das taxas e prezos públicos dos servizos de subministro de auga, herdados dun proceso de privatización da empresa pública EMAVISA, proceso que no seu día colocou a Vigo cun sistema tarifario de consumo mínimo bimensual de 30 metros cúbicos, algo insólito nas grandes cidades do estado”.

No tocante a anunciada “conxelación” dos prezos e taxas públicas que anuncia o goberno local, Marea de Vigo denuncia a “práctica habitual” desde goberno local, que “no ano 2015, ano electoral, quedou especialmente demostrada ao manterse conxeladas ese mesmo ano para incrementar as taxas a posteriori, nos 2016 e 2017 e por enriba do IPC, establecendo sistema de cálculo de IPC mediado de varios exercicios e non o marcado polo goberno para os prezos e taxas públicas”.

Con respecto á  Ordenanza Reguladora do servizo de retirada, custodia e inmobilización de vehículos, o grupo municipal da Marea de Vigo afirma que “é obvio que estamos ante unha das máis cuestionables concesións realizadas por este Concello. Non existe ningún tipo de garantía de que os prezos públicos estean acompasados co cumprimento do servizo en canto a número de grúas na rúa, estado e idoneidade das instalacións e mesmo os prezos  da retirada de vehículos, que resultan extremadamente abusivos comparativamente coas grandes cidades do estado”. Para a Marea de Vigo, esta ordenanza, ao igual que a referente as taxas da auga, “está completamente cativa do prego concesional e a súa mellora está condicionada a rescindir ou penalizar cando menos á empresa concesionaria do servizo e artellar un novo prego concesional”.

Por outra banda, o grupo municipal da Marea de Vigo propón unha redución do tipo de gravame para os bens urbanos, rústicos e BICE´s que volvería aos prezos aos niveis do 2013,  unha taxa que grave  sobre as vivendas baleiras desocupadas con carácter permanente no IBI do 50% (aproveitando a posibilidade que neste sentido recolle a Lei de Facendas Locais dende xaneiro de 2003 ) e un sistema de bonificación do 50% da cota para as vivendas (excepto das de nova construción) que instalaran sistemas para o aproveitamento térmico e eléctrico da enerxía solar para autoconsumo. Na mesma liña, propón tamén, e de acordo coa nova Ordenanza reguladora da edificación forzosa e rexistro municipal de soares, a penalización aos propietarios de soares urbanos consolidados que non cumpran co deber de edificar, con ata o dobre da cota do IBI, así como, a exención do pago do IBI para aquelas persoas que  teñan débedas contraídas en bens inmobles afectados por desafiuzamentos ou sobre os que, por insolvencia sobrevinda, acorden unha dación en pago para evitar o desafiuzamento da súa vivenda habitual.

Marea de Vigo tamén propón unha redución graduada nos turismos baseada no aumento da progresividade do imposto para favorecer aos vehículos de menor potencia fiscal e unha bonificación do 75 por 100 ós vehículos da clase “turismo” ou “motocicleta” con antigüidade mínima de 25 anos.

Por último, proponse tamén un incremento do 100% na taxa por unidade e ano en tódalas categorías nos caixeiros automáticos situados na vía pública.