O Grupo municipal EU SON do Porriño fan un recoñecemento á Alcaldía do Porriño

Publicado por o día 04/09/2019 na sección de Galicia,O Porriño

O Grupo municipal EU SON do Porriño fan un recoñecemento á Alcaldía do Porriño

Os concelleiros de EU SON DO PORRIÑO-SON EN COMÚN, Pedro Ocampo e Blanca Francés estiveron onte convidados pola Alcaldía do Porriño na firma do convenio de cesión da parcela para a ampliación do Centro de Saúde. Foi un convite que recoñece a sua loita de case dous anos nas rúas, e de toda a lexislatura anterior a través de diversas iniciativas no Concello e no Parlamento de Galicia, onde o apoio de Eva Solla foi fundamental nas Comisións de Sanidade.

“Agradecemos este recoñecemento á Alcaldía do Porriño pero imos seguir moi vixiantes, tanto dende o Concello como dende o Parlamento Galego, para que non quede todo en promesas electorais e estudos que ao final non chegan a nada. Os problemas do Centro de Saúde son unha realidade que sofre no día a día a veciñanza do Porriño. O que demandamos son tamén realidades que, cos prazos dos que fala o Conselleiro, non veríamos ata o 2021” manifestan desde o grupo municipal.

“Cunhas eleccións polo medio e a experiencia de anteriores promesas incumpridas, estudos previos de meses e a confirmación do Conselleiro de que non se van reter os cartos necesarios nos Orzamentos de 2020, pouco máis hai que dicir. Así que imos seguir loitando pois este convenio e os pasos dados pola Consellería son a resposta á nosa constancia e ao apoio da veciñanza do Porriño.” finalizan dende EU SON.